lunes, noviembre 10, 2025
InicioNewsComarcasPonteareas amplía a ruta de pinchos "Pinchotea" ata o 16 de novembro

Ponteareas amplía a ruta de pinchos «Pinchotea» ata o 16 de novembro

O Concello de Ponteareas anuncia a ampliación do prazo do concurso gastronómico “Pinchotea”, «ante o éxito de participación tanto por parte do público como dos establecementos hostaleiros«, tal e como indican desde a administración local. Deste xeito, O “Pinchotea” estará activo esta fin de semana tamén, venres 14, sábado 15 e domingo e16 de novembro.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, quixo lembrar ás persoas participantes que, para poder entrar no sorteo de premios, non deben esquecer depositar os seus pasaportes selados nos buzóns Pinchotea dispoñibles en cada un dos vinte locais participantes. Ademais, recorda que as cafeterías dos centros culturais de Xinzo e Guláns tamén forman parte deste roteiro gastronómico.

Que é o Pinchotea?

O “Pinchotea”, está enchendo de sabor, creatividade e ambiente festivo os bares e restaurantes do municipio durante estas semanas. As propostas poden consultarse no sitio web pinchotea.ponteareas.gal  ou escaneando o código QR presente nos carteis colocados nos locais de hostalaría.

Esta iniciativa gastronómica, impulsada polo Concello, ten como obxectivo dinamizar a hostalaría local e poñer en valor a riqueza culinaria da vila, convidando a veciños e visitantes a percorrer os establecementos participantes e degustar as súas mellores creacións en formato pincho. O Pinchotea celébrase os venres e sábados en horario de 19:00 a 23:00 horas, e os domingos en sesión vermut de 11:00 a 14:30 horas.

Petiscos

O roteiro Pinchotea 2025 ofrece petiscos especiais a un prezo popular que non supera os tres euros. Cada creación é exclusiva para este evento e valorarase tanto polo seu sabor como pola súa presentación e orixinalidade.

O público dispón dun pasaporte Pinchotea, que pode selar en cada establecemento e depositar nos buzóns correspondentes para participar no sorteo de ceas, baños termais, vales e outros agasallos.

O concelleiro Ricardo González agradeceu o apoio das empresas colaboradoras que fan posible o sorteo e os premios: Cafés Donoso, Cooperativa do Requeixo das Neves, Cuatro Parroquias, Elena Pérez, Espazo Termal Teáns (Salvaterra de Miño), Estrella Galicia, Froiz, Gadis, Reyvi e Si Radio.

O xurado profesional xa está a visitar os locais participantes e outorgará os premios desta edición, que volve contar coa colaboración das profesionais da EFA A Cancela e incorpora novos nomes do sector hostaleiro.

Gastronomía local

O Concello convida a toda a cidadanía a participar nesta experiencia gastronómica que combina tradición, innovación e apoio ao comercio local. “A través da desestacionalización xeramos novas correntes de público e tamén provocamos unha cita, unha quedada que xira arredor da gastronomía”, sinalou a alcaldesa Nava Castro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS