Tras unha semana de labores de contención e posterior limpeza do vertido de aceite de palma producido tras a implosión dun silo no peirao de Guixar, hoxe formalizouse a desescalada do nivel da emerxencia. Así o informa a Xunta de Galicia a través dun comunicado no que apunta que a APV baixou á Fase 1 o seu Plan Interior Marítimo (PIM) e prevé acadar a Fase 0 nos próximos días. En liña con esta decisión, os responsables do Plan CAMGAL da Xunta de Galicia procederán a descender o mesmo do Nivel 1 á fase de Alerta ata que finalice totalmente a emerxencia.
A día de hoxe, xa se recolleron os restos do vertido que estaban contidos nas dúas dársenas dos estaleiros San Enrique e limpouse o paramento vertical do Peirao do Areal, así como as canalizacións da zona.
No que respecta á zona de costa, tanto efectivos de Gardacostas de Galicia como da Policía Portuaria seguirán realizando roldas diarias por todos os areais para comprobar persoalmente que non cheguen máis restos solidificados de aceite de palma, mantendo activa unha cuadrilla de limpeza para calquera actuación inmediata.
Restos que chegaron a Moaña
O temporal dos últimos días provocou a chegada de algún resto solidificado do vertido a algunhas praias da zona de Moaña, que están a ser recollidos pola nosa Policía Portuaria e pola empresa Tragsa, a través da Consellería de Medio Ambiente. O operativo manterase ata que non quede nada do vertido.
Todo o residuo recollido está en mans dun xestor autorizado, onde, nestes momentos, se está facendo unha valoración e cuantificación do mesmo para estudar o seu tratamento. Nos próximos días poderemos ofrecer datos máis concretos sobre a cantidade recollida.
De acordo coa ficha técnica do produto, trátase de graxa vexetal de palma destinada a alimentación animal, é dicir, é materia prima para pensos que, a temperatura ambiente, é sólida, o que facilita a súa limpeza. Así mesmo, é insoluble en auga, polo que, unha vez retirada do medio mariño, non ten afección. Todos os compoñentes orgánicos contidos no produto son facilmente biodegradables.
O presidente da APV, Carlos Botana, quixo agradecer persoalmente o traballo de todos os efectivos «que participaron nesta emerxencia desde o minuto 1 e que traballaron 24 horas ao día para devolver a nosa ría á normalidade o antes posible: persoal dos departamentos de Sostibilidade, Mantemento, Conservación, Explotación e Policía Portuaria da APV; as empresas SEGEM, Arines e Northcom Diving contratadas desde a APV; o servizo de Gardacostas da Consellería do Mar; e a empresa Tragsa, a través da Consellería de Medio Ambiente».
Do mesmo xeito, quixo recoñecer o labor da cidadanía, estendendo a súa gratitude “a todos e cada un dos cidadáns que nos foron avisando a través do 112 da chegada de restos ás nosas praias”.

