O persoal do sector galego da construción «amosou hoxe o seu músculo e capacidade de loita ao paralizar todas as grandes obras (practicamente o 100% das públicas e un 70% das privadas) nunha xornada de folga histórica para reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais e permita avanzar nas condicións e materias que a día de hoxe están reservadas ao convenio estatal». Así valora o sindicato CIG o paro do sector da construción na comunidade galega a través dun comunicado no que indica, ademais, que «o éxito do paro de 24 horas convocado pola CIG evidenciouse tamén nos numerosos piquetes informativos e nas concorridas manifestacións que tiveron lugar nas sete cidades ao mediodía, a pesar dos intentos de boicot da patronal, que onte mesmo adiantou a xuntanza prevista para hoxe e pactou con CCOO e UGT a suba salarial de 2025 e 2026 coa pretensión de desmobilizar o sector».
«Non é suficiente»
Con todo, dende a Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncian que o “pírrico” incremento de soldos non permite recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada, «que superou o 2% no período 2022-2024». “O persoal demostrou hoxe que está canso de que despois de anos de maltrato agora que sae á rúa para dignificar as súas condicións veñan a última hora con esmolas para intentar calarnos a boca”, sinala o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia.
Ao mesmo tempo, lembra que a cláusula de revisión salarial do donvenio, “da que se acordan precisamente agora”, tiña que estar en nóminas desde xaneiro de 2025, “e para colmo só pagan a cuarta parte”. Ademais, o “negocio” do plan de pensión seguen a absorber parte destas subas salariais. “As persoas traballadoras do sector están fartas de que negocien por nós en Madrid, queremos mellorar as nosas condición e facelo dende aquí”.
Por iso a central sindical «leva máis dun ano tentando reunirse co empresariado galego e as respectivas asociacións provinciais para abordar a posibilidade de avanzar nun marco regulador propio, logo da modificación lexislativa que prioriza os convenios e acordos interprofesionais autonómicos sobre os estatais». A CIG apunta que cómpre «un marco galego que nos permita blindar os convenios provinciais fronte aos ataques da patronal estatal e deixar de estar baixo o xugo da negociación en Madrid, que ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”.
Con este obxectivo, a central -como sindicato maioritario no sector en Galicia- dirixiuse por escrito ás catro patronais provinciais e á federación galega, FEGACONS, “pero só obtivemos a calada por resposta”. Unha actitude obstrucionista que levou a FCM-CIG a iniciar un calendario de mobilizacións e a tentar buscar un achegamento a través do Consello Galego de Relacións Laborais. “Para a nosa sorpresa, a postura da patronal foi vetar a presenza da CIG-Construción e do seu secretario nacional en calquera reunión para falar desta cuestión”, critica Valencia.
Considera esta actitude, que atribúe a unha postura persoal do presidente de FEGACONS, unha mostra de desprezo cara aos milleiros de persoas traballadoras da construción representadas pola CIG que, “por unha negativa irracional da patronal, se ven abocadas a ir á folga para que as súas demandas sexan escoitadas e para defender o dereito a negociar aquí as súas condicións laborais”.
En consecuencia, optou por promover primeiro distintas mobilizacións e posteriormente unha xornada de folga, a primeira convocada no sector dende hai medio século, e a resposta do conxunto do persoal foi contundente. “Paralizouse case ao 100% a obra pública, e arredor dun 70% a privada; a xornada foi un éxito, e quedou claro que as persoas traballadoras da contrución galega están preparadas para continuar coa loita na defensa dos seus dereitos e pola mellora das súas condicións laborais”.

