A forza das mulleres palestinas chega ao municipio de Allariz. E é que o vindeiro luns 10 de novembro ás 19:30 horas o Fogar dos Maiores de Allariz acollerá o encontro “Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas”, unha actividade organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello de Allariz, membro da entidade dende hai moitos anos.
O acto contará coa participación de Hanan Kaoud, concelleira de Ramala, que compartirá a súa experiencia persoal e política sobre a situación que vive o pobo palestino e o papel fundamental das mulleres na resistencia, na defensa dos dereitos humanos e na construción da paz.
A iniciativa ten como obxectivos dar a coñecer a grave situación que afronta o pobo palestino, denunciando a ocupación e as violacións de dereitos humanos; coñecer de primeira man os testemuños das mulleres palestinas e o seu papel na resistencia; compartir experiencias e promover a solidariedade internacional; amosar a condena dos concellos galegos á violencia en Oriente Próximo e o seu compromiso cunha paz duradeira; e visibilizar o conflito combatendo a desinformación e apoiando a axuda humanitaria.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade leva anos apoiando ao pobo palestino mediante accións de sensibilización e proxectos de axuda humanitaria canalizados a través da UNRWA, «ao tempo que reclama un alto ao fogo permanente e unha paz xusta e duradeira baseada no respecto aos dereitos humanos», segundo indica nun comunicado o Concello de Allariz.
Cando?
O encontro, organizado polo Fondo Galego e co apoio do Concello de Allariz, celebrarase o luns 10 de novembro ás 19:30 horas no Fogar dos Maiores de Allariz.


