A Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou a declaración institucional para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e remitiuna aos 313 concellos galegos e ás catro deputacións provinciais, entre outras iniciativas que se desenvolverán nas próximas semanas.
O texto, titulado “Contra a violencia, contra quen maltrata e contra quen a nega ou a relativiza”, comeza reafirmando “o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres” e “o compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres” do municipalismo galego. A FEGAMP lembra que os concellos e deputacións son conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade.
A Federación destaca que en 2025, 32 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas, dúas delas en Galicia. Ademais, tres menores foron vítimas mortais en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 desde 2003. O último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial alerta tamén dun incremento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.
“Condenamos cada acto, a cada agresor e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia”, subliña a FEGAMP, que lembra que “o negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”. Engade, ademais, que “negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas.”
Podes escoitar a entrevista con María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP, aquí:

