A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este mércores que se vai duplicar a oferta das visitas guiadas ao Teatro Cine Fraga ante a “excepcional resposta da cidade” que “ratifica que Vigo avala o proceso de recuperación deste histórico inmoble emprendido pola Deputación e a Xunta de Galicia”. Tamén adiantou a vicepresidenta que se ampliarán os percorridos “na liña de abrir máis o Fraga á cidade” e “que toda a cidadanía goce destas espectaculares instalacións que levaban tantos anos pechadas”.
Cando?
A nova quenda de visitas terá lugar todos os sábados ás 12:30, 16:00 e 17:00 horas e, ao igual que as que están en marcha os mércores e teñen todas as prazas cubertas ata o verán do 2026, será en grupos reducidos de quince persoas. “Vendo a elevadísima demanda destes percorridos guiados non queriamos que ningún vigués e viguesa quedase fóra desta actividade”, asegurou a vicepresidenta quen engadiu que “queremos abrir as portas do Teatro Cine Fraga para que toda a veciñanza poida gozar desta edificio que grazas á Deputación e á Xunta de Galicia será recuperado”.
Inscrición
As visitas, para as que é preciso inscribirse a través do número de teléfono 986 118 227, permitirán coñecer o vestíbulo do Teatro, con parada na escaleira de acceso ao segundo andar, que permite ter unha visión da parte superior do inmoble. Tamén se coñecerá a platea e subirase ao primeiro anfiteatro antes de rematar o percorrido cunha visita á antiga discoteca Nova Olimpia, situada no soto do edificio.

