O Concello do Porriño vén de sacar a licitación a obra de execución para a substitución do céspede do campo de fútbol de Pontellas, unha actuación que suporá a renovación integral da superficie de xogo e a mellora das instalacións deportivas.
O proxecto contempla o cambio de céspede natural a céspede sintético de última xeración lastrado con area de sílice e caucho, conservando as dimensións actuais do campo de fútbol 11 e os dous campos de fútbol 7, co correspondente marcaxe para ambas modalidades. Ademais, aproveitarase a manta actual como pavimento non deportivo nas zonas perimetrais e instalaranse novas porterías abatibles de fútbol 7, así como a reposición das redes de fútbol 11.
“O campo municipal de Pontellas necesitaba unha renovación urxente para que os xogadores poidan adestrar e competir nas mellores condicións. Este proxecto aposta por un céspede de última xeración e un sistema de mantemento profesional que garanta o seu rendemento ao longo dos anos”, explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Tras o acondicionamento do terreo, cun orzamento máximo de licitación de 279.074,32 euros, a outra parte do proxecto céntrase na instalación do novo céspede e o seu mantemento en perfecto estado a través dun renting a cinco anos, cuxo importe total ascende a 206.515,18 euros.
“É unha actuación moi demandada polos clubs e usuarios, que se suma ao esforzo do Concello por mellorar todas as instalacións deportivas do municipio. O deporte é un piar fundamental da vida social do Porriño e queremos ofrecer espazos de calidade para todos”, engadiu o alcalde.
A inversión total desta actuación no campo de fútbol de Pontellas supera os 485.000 euros e será financiada integramente con fondos municipais. Unha vez adxudicadas as actuacións, a execución realizarase nun prazo aproximado de seis meses, tempo durante o cal os usuarios destas instalacións reubicaranse noutras do municipio, compartidas con outros clubs, para que non vexan interrompida a súa actividade deportiva.

