A popular, Nava Castro, vén de proclamarse presidenta do Partido Popular do municipio tras a celebración do Congreso Local. A ponteareá era a única candidata deste congreso. Castro, actual alcaldesa do municipio, colle o relevo de Belén Villar, presidenta do Partido Popular de Ponteareas dende o ano 2018.
A nova mandataria estivo arroupada durante o acto polo presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda; o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luís López, a secretaria xeral, Paula Prado, así como presidentes e representantes do partido político noutras localidades e aproximadamente 350 persoas que acudiron ao evento, celebrado o domingo 2 de novembro no auditorio municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas.
“En Ponteareas vese mellor que en ningún outro sitio e Nava Castro é unha referente, espero que con maioría absoluta cando dentro de un ano e medio haxa que volver a pedir a confianza”, augurou Rueda, que fixo un chamamento á “unidade”. “A unión fai a forza e non hai maior forza que ter maioría absoluta, e por iso temos que loitala. Collendo todas as esencias, probablemente perdendo algo todo o mundo para poder gañar todos. O camiño ten que ir por aí”, agregou.
Rueda situou Ponteareas como “un dos concellos máis importantes desta provincia” e dixo alegrarse de “ser o presidente dun goberno que fixo os deberes con Ponteareas, un goberno serio”.
Pola súa banda, a secretaria xeral Paula Prado augurou que despois das eleccións municipais de 2027, o PPdeG terá aínda máis alcaldesas e Nava Castro “seguirá sendo unha delas”.
O presidente provincial, Luís López indicou que “Ponteareas non precisa gastar inxentes cantidades de cartos en promoción, como fan outros concellos”. “Ponteareas non necesita chamar a atención con insultos nin con bufonadas para ver se ocupa un par de minutos nunha tertulia. Ponteareas non necesita chamar a atención para facerse un oco no mundo, porque xa ten a Nava Castro, porque Nava xa pon a Ponteareas no mapa”, precisou.

