lunes, noviembre 3, 2025
InicioNewsActualidadeMos aproba definitivamente a finalización do contrato co SAF por mutuo acordo

Mos aproba definitivamente a finalización do contrato co SAF por mutuo acordo

O Concello de Mos acordou en Pleno a aprobación definitiva da resolución por mutuo acordo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa empresa Serveo, actual adxudicataria, co obxectivo de garantir un servizo estable, digno e de calidade ás persoas usuarias e ás súas familias.

Desde o inicio da prestación, o Concello recibiu numerosas queixas por parte dos usuarios e usuarias. En total, 87 persoas manifestaron incidencias, das cales 35 formalizáronse por escrito e 10 quedaron rexistradas oficialmente, motivando a apertura do expediente de resolución.

Entre os incumprimentos detectados atópanse a falta dunha coordinadora, problemas na tramitación de altas e baixas, incumprimentos de horarios, deficiencias organizativas e fallos na calidade da atención. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que se trata dunha «decisión tomada con responsabilidade e firmeza, pensando unicamente nas persoas máis vulnerables”.

“O Servizo de Axuda no Fogar non é un negocio, é un servizo esencial. E cando unha empresa non cumpre, temos a obriga de actuar con rigor. En Mos quen non cumpre coas persoas, non ten cabida”, afirmou a rexedora. A resolución por mutuo acordo permitirá axilizar os prazos e garantir a continuidade do servizo sen interrupcións mentres se tramita a nova licitación. Serveo Social comprométese a manter a atención ata o momento do traspaso ordenado á nova empresa, que asumirá temporalmente o servizo mediante un contrato ponte.

O acordo inclúe tamén a devolución da garantía definitiva depositada pola empresa, por importe de 142.329 euros, que será reintegrada no prazo máximo de dez días desde o remate do contrato. Durante este período, o Concello de Mos coordinará co contratista o traspaso completo dos datos dos traballadores e usuarios, así como das axudas técnicas e planificacións de atención, para asegurar unha transición sen afectación ás familias.

Pola súa banda, o Concello de Mos traballa xa na definición dun novo modelo de xestión do SAF, que incluirá melloras concretas: reforzo da coordinación (mínimo tres coordinadoras), formación contínua do persoal, tramitación máis áxil de altas, baixas e incidencias, seguimento da calidade e satisfacción das familias, protocolos claros de atención e resposta ante emerxencias.

Paralelamente, o Concello de Mos está en contacto con varias empresas do sector solicitando referencias e informes de solvencia técnica e social para garantir a mellor opción no contrato ponte.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS