O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 7 de novembro, ás 21 h “Esas cousas marabillosas”, un espectáculo de humor e comedia de Empatía Teatro. Esta peza do dramaturgo e director Duncan MacMillan, traducida e dirixida por Avelino González, foi estreada en 2022 con Elisardo de la Cruz no Festival Internacional do monólogo de Narón.
“Esas cousas marabillosas” comeza cando o público entra na sala e é recibido polo actor que lles dá a benvida, axúdaos a acomodarse e dálles un papeliño que vai formar parte do espectáculo. Cóntase unha historia de case tres décadas que comeza cando a nai está no hospital. Nesa primeira parte, o fillo, que é o protagonista, e que nese momento ten sete anos, comeza a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo e a deixa na almofada de mamá co título “Todas esas cousas marabillosas”.
Con moitas personaxes e moitas situacións, que se desenvolven coa axuda e a complicidade do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente que amamos. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos 8€ e 6 € até dez minutos antes do inicio da función.

