lunes, noviembre 3, 2025
InicioNewsActualidadeDesartellan un grupo especializado en furtos en centros comerciais do sur de...

Desartellan un grupo especializado en furtos en centros comerciais do sur de Pontevedra e norte de Portugal

A Garda Civil desartellou un grupo organizado dedicado a realizar furtos en centros comerciais do sur da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, nun operativo bautizado como Bispo 1, no que foron detidas catro persoas e outras dúas están investigadas.

Segundo informou a Comandancia de Pontevedra, os implicados tiñan no punto de mira as áreas empresariais e comerciais da contorna de Vigo, e alternaban os seus lugares de residencia entre a cidade olívica e Tui, co fin de facilitar os seus desprazamentos e evitar ser localizados.

As investigacións foron levadas a cabo por axentes do posto de Baiona-Nigrán e levaron á identificación de seis persoas, catro delas foron detidas e outras dúas investigadas, en total, dous homes e catro mulleres.

O grupo delictivo actuaba con agresividade, con especial facilidade para fuxir cando eran sorprendidos. Nunha das ocasións, chegaron a atropelar a un vixiante de seguridade do centro comercial Nasas, en Nigrán, provocándolle lesións de diversa consideración mentres intentaba impedir a fuxida do vehículo.

O ‘modus operandi’ da banda era desprazarse ás áreas comerciais en vehículos de renting que cambiaban periódicamente para dificultar o seu seguemento. Os homes eran os encargados de conducir e permanecían á espera no exterior dos centros comerciais, mentres que as mulleres entraban nos establecementos para subtraer roupa, comida ou pequenos electrodomésticos, aproveitando a afluencia de clientes, que complicaba a vixilancia do persoal de seguridade. Se eran descubertas, enfrontábanse aos empregados, con empuxóns e ameazas.

As pescudas policiais, incluíndo a análise das imaxes gravadas por cámaras de seguridade e as vixilancias discretas realizadas pola Garda Civil, permitiron identificar os membros deste grupo. Así, os axentes puideron tamén localizar as vivendas ocupadas polos delincuentes e os vehículos que empregaban, ademais de confirmar a conexión entre distintos furtos.

Segundo informaron desde a Comandancia, os investigadores comprobaron que o grupo actuaba de forma reiterada e planificada, movéndose entre España e Portugal, o que esixiu unha continua coordinación con outras unidades policiais e cos propios establecementos afectados polos furtos.

Grazas a ese traballo conxunto puidéronse esclarecer 11 delitos de furto, e púidose constatar que varios implicados tiñan ordes xudiciais de investigación de domicilio ditadas por distintos xulgados de Vigo e Santiago. Ademais, a un deles impútaselle un delito contra a seguridade de tráfico e condución temeraria, e a outro un delito de ameazas.

As dilixencias practicadas foron remitidas ao xulgado de instrución 4 de Vigo, aínda que a operación policial continúa aberta e non se descartan novas actuacións ou conexión con outros casos similares.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS