O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de anunciar que a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, vai investir 925.650 euros nunha ferramenta informática de protección de seguridade baseada en intelixencia artificial para “evitar accesos non autorizados” á información do sistema sanitario público.
A posta en marcha desta ferramenta no Servizo Galego de Saúde permitirá a alerta temperá de ameazas que afecten a plataforma de identidades, así como a protección proactiva automatizada de posibles intentos de accesos non autorizados aos datos almacenados pola sanidade pública galega, entre eles, os datos clínicos da cidadanía. O obxectivo é, tal e como sinalou Rueda, “preservar os datos médicos” e o “dereito á intimidade” dos pacientes.
A Consellería de Sanidade licitará proximamente este servizo, que conta con financiamento da Unión Europea nun 60 %, a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.
A ferramenta que se vai contratar, utilizando técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática, permitirá a análise de usuarios e entidades para establecer unha liña base ou patrón de comportamento normal, o que posibilitará, segundo afirmou o titular do Executivo galego, “detectar anomalías” e desviacións que poidan indicar unha actividade maliciosa.
O presidente destacou que a ferramenta tamén ofrecerá unha protección “en tempo real”, co obxectivo de ser o máis efectiva posible na resposta ante incidentes, definindo e implantando políticas de detección, bloqueo e accións automatizadas.
O departamento sanitario da Xunta está inmerso nun proceso de transformación e saúde dixital, tal e como se recolle no Plan estratéxico de transformación dixital do Servizo Galego de Saúde 2023-2026, con 15 millóns de euros consignados para este fin nos orzamentos da Consellería de Sanidade para o ano 2026.
Esta transformación pretende evolucionar o modelo de atención á cidadanía, permitindo dar resposta aos retos do sector e á poboación, impulsando unha serie de premisas que garantan a seguridade da información, e facilitando o traballo dos profesionais e o acceso aos servizos de saúde por parte da poboación co maior número de garantías.

