A Asemblea de Nenos do Festival de Cans, creada na pasada edición, reuniuse este ano por segunda vez, para tratar de recoller propostas que veñan dos máis pequenos da aldea e integralas nos contidos da vindeira edición do certame.
Desta Asemblea de Nenas e Nenos forman parte unha vintena de rapazas e rapaces da aldea, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos, nunha iniciativa que busca promover un espazo compartido de conversas e recollida de propostas.
Entre as aprobadas para esta edición está a da creación dun Xurado de xente nova da aldea, do que formarán parte rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos, que estean na idade de estudos da ESO. A idea é que inicialmente este xurado conceda o Premio Xente Nova na categoría de Novas Camadas, reservada a cineastas de ata 25 anos e que, partindo desta experiencia piloto, vaia incorporándose pouco a pouco a outras categorías do certame.
Esta idea segue o espírito do Xurado das Veciñas e Veciños, polo que levan pasado xa máis de cen veciñas e veciños da aldea ao longo de máis de dúas décadas de festival. Ademáis de xulgar os filmes, un equipo específico do certame guía a estas persoas para que adquiran en paralelo coñecementos cinematográficos básicos, que lles axuden a ampliar a súa mirada sobre os filmes.
A organización do festival tratará de poñer en práctica tamén outras demandas que non se puideron asumir na pasada edición, como a creación dunha sesión de cine de animación específica para nenos, no que eles mesmos asuman o rol de programadores.
Deste xeito, dende a dirección do Festival de Cans afirman que «o plan da organización é traballar na formación de moitas nenas e nenos que no futuro poidan asumir roles de responsabilidade no certame». Todos eles participan habitualmente como Guías dos Camiños, o que está considerado o primeiro chanzo para comezar a introducirse na dinámica da organización do certame.

