O Concello de Ponteareas presentou no pleno ordinario a proposta de expediente sancionador “cun informe do control exhaustivo realizado ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e acorda a apertura dun expediente sancionador á empresa ÓBOLO, actual concesionaria, por diversos incumprimentos detectados na prestación do servizo”, segundo explican desde a administración local liderada pola alcaldesa Nava Castro.
Segundo explica o Concello nun comunicado, “a proposta municipal inclúe varias sancións económicas por faltas graves e moi graves, derivadas do incumprimento das obrigas establecidas no contrato e na normativa vixente”. Entre as principais infraccións constatadas destacan:
- O incumprimento dos prazos de envío da documentación preceptiva aos organismos competentes, como os acordos de servizo e proxectos individuais de atención.
- A falta de seguimento bimestral dos casos nos que non se requiren intervencións máis intensas, o que afecta á calidade e continuidade do servizo.
- A non dispoñibilidade dos dispositivos móbiles coa aplicación de ÓBOLO, comprometidos na oferta da adxudicataria e necesarios para a correcta coordinación e control das intervencións.
- O retraso no inicio dalgúns servizos, tanto nos prazos ordinarios como nos casos urxentes, o que repercute directamente na atención ás persoas usuarias e ás súas familias.
- A prestación de servizos distintos aos establecidos polos equipos técnicos municipais, incumprindo as pautas e obxectivos definidos nos proxectos de intervención.
- Demoras na entrega de axudas técnicas e material de protección, así como incumprimentos nas obrigas laborais e de Seguridade Social co persoal adscrito ao contrato.
Sancións de 25.000 euros
As sancións propostas ascenden a diferentes importes segundo a gravidade das faltas, con multas de 3.001 euros por cada falta grave e 6.001 euros por falta moi grave, ademais de ata 1.500 euros por faltas leves. As sancións suman un total de 25.507€.
O Concello de Ponteareas, “no exercicio das súas competencias de control e supervisión da execución contractual”, constata que a empresa concesionaria incumpre varias das condicións recollidas nos Prego de Cláusulas Administrativas Particulares (PCAP). Por este motivo, o pleno acordou promover a incoación dun expediente sancionador e solicitar á Alcaldía a adopción das medidas necesarias “para garantir a correcta prestación do servizo e a protección das persoas usuarias”.
O goberno de Ponteareas sinala que “velarán pola protección das persoas usuarias deste servizo ao ser as máis vulnerables” e que “como dixemos dende o principio estamos do lado das traballadoras pero priorizando sempre ás persoas dependentes que sen o apoio das coidadoras non poderían erguerse ou almorzar ou ter unha hixiene axeitada”. O Concello lembra que o seu compromiso coas persoas dependentes “plasmouse no maior contrato para o SAF que permite maior número de horas de atención pero tamén un incremento da xornada laboral das traballadoras e subidas salarais”.
O goberno avanza que “a apertura dun expediente é o mecanismo legal que deben articular agora porque unha rescisión do contrato non evitaría que a empresa se volverá presentar de haber un novo concurso público”.

