O Concello de Ponteareas avanza nos trámites para a construción do novo centro de saúde, que estará ubicado na parcela do Alto da Gloria. Así, tal e como informan desde o goberno municipal, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestructuras vén de aprobar definitivamente a primeira modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Dita modificación puntual tivo que ser realizada “porque no PXOM aprobado en 2021 non existía ningunha reserva de solo das características que nos pedía a Xunta para un edificio de cinco mil metros cadrados” afirma a edil de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas. Con todo, a edil destaca que o documento que organiza o crecemento urbanístico de Ponteareas non é estanco, “está vivo e fóra de lamentacións puxémonos a traballar para sacar adiante unha modificación que posibilita dotar a Ponteareas dese centro de saúde que tanto necesitamos”.
Con todo, esta modificación puntual permitirá que a Xunta de Galicia constrúa o novo centro de saúde na vila nunha parcela de 5.713 metros cadrados, situada dentro do ámbito de solo urbano consolidado, que facilitará a súa execución.
Por outra banda, a alcaldesa, Nava Castro, adianta que os orzamentos «para o ano 2026 xa contemplan unha partida de 600.000 euros para a redacción do proxecto».
En concreto, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, que o novo centro sanitario contará na área de
adultos, con 9 consultas de medicina de familia; 11 de enfermería; 2 consultas novas de docencia de MIR e EIR; 1 consulta de farmacia; unha área de saúde bucodental con 2 consultas; un despacho de traballador social; área de fisioterapia con consulta e ximnasio; sala de toma de mostras; 4 salas polivalentes; 1 nova consulta para paciente infeccioso; zona de radiodiagnóstico; 2 consultas de matrona e sala de educación sanitaria.
A área pediátrica contará con 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e unha nova sala para observación e tratamento e outra de paciente respiratorio.
A maiores, o punto de atención continuada (PAC) contará cunha sala de reanimación e 2 novas de observación; 3 consultas de medicina; 3 de enfermería; pasará de contar con 5 dormitorios a 8 e 2 novos vestiarios. Ademais, o centro de saúde de Ponteareas disporá dunha base do 061 composta de 2 dormitorios, unha sala de estar e aseos.
Coa nova construción, o Servizo Galego de Saúde mellorará a unidade de saúde mental dotándoa de 2 consultas de psiquiatría, 1 de psicoloxía clínica, 1 de enfermería, 1 de traballo social, 1 de docencia e unha sala de actividades grupais. Ademais, tamén de nova creación, contarase con 4 consultas médicas especializadas.

