Os musicólogos Iago Sobrino e Marcos Amado veñen de facer entrega ao Concello de Ponteareas da partitura da edición especial de «Carpio» do mestre Reveriano Soutullo. A entrega foi realizada tras un intenso traballo dende a procura da partitura e o minucioso estudo histórico, interpretativo e ecdótico desta ata a transcrición e finalmente o arranxo e edición.
A cesión tivo lugar diante da Casa do Concello, onde o público asistente puido gozar da estrea desta edición interpretada pola Banda de Música de Xinzo, que tamén recibiu unha partitura. «Carpio» tratáse dun pasodobre flamenco breve, emotivo e con sonoridades flamenquistas.
Durante o acto de presentación e recepción de partitura tamén estivo presente o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera, e concelleiras e concelleiros da Corporación así como o director do conservatorio de música municipal que leva o nome do Mestre Soutullo.
Os ponteareáns Marcos Amado e Iago Sobrino tiveron palabras de agradecemento para o Concello e tamén para o director da Banda de Música de Xinzo, Rodrigo Iglesias, “que acolleron con ilusión a nosa proposta e apoiaron este traballo no que tiveron que facer arranxos varios nos que ter en conta moitas particularidades”.
Co obxectivo de elaborar unha edición que facilitase ao máximo a interpretabilidade da obra, o traballo de arranxo tivo en conta estas particularidades, e obrouse corrixindo tanto harmonías como a adecuación tímbrica, atendendo á composición habitual das bandas na actualidade, ademais da tamén necesaria verticalidade e horizontalidade nas dinámicas e articulacións, para dar coherencia e cohesión á peza. Todo coa finalidade de proporcionar aos músicos e músicas unhas partituras sobre as que puidesen traballar directamente.
“Tamén, a finalidade dese traballo é puramente práctico, esquecéndose a dimensión teórica do estudo da obra. Aí é onde entramos os musicólogos e musicólogas, coa posibilidade non só de proporcionar os materiais das obras cunha corrección e adecuación máis que considerable, algo que os músicos e músicas agradecen, senón tamén de proporcionar un estudo e análise notable, é dicir, un traballo en conxunto abundante, con moitísima máis profundidade. E grazas aos músicos e músicas cos que colaboramos nós podemos compartir este patrimonio coa sociedade, coa veciñanza”, explicaron os musicólogos.

