A Xunta destinará 350 millóns de euros a políticas de vivenda no ano 2026, dos que 163 millós de euros se destinarán a construción de novos fogares. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos Orzamentos do departamento para o vindeiro ano, que pasa de 513M€ aos 560M€.
Allegue destacou que os novos orzamentos supoñen “unha aposta real por Galicia” e permitirán avanzar nos compromisos da acción de goberno: duplicar o parque público residencial con 4.000 novas vivendas en 2028, das que xa están en marcha preto de 3.000; desenvolver solo onde construír novas vivendas, fixar poboación no rural impulsando as rehabilitacións, avanzar nunha Galicia máis conectada a través das estradas autonómicas e “seguir a facer cidade”, con grandes actuacións nas infraestruturas públicas.
Vivenda pública en Galicia
No reto da vivenda, Allegue falou duns orzamentos “históricos”, que se incrementan e permitirán no 2026 ter entregados os primeiros fogares proxectados e construídos na lexislatura. Subliñou que o orzamento do IGVS alcanza unha cifra récord de 269,2M€, cun incremento do 22%, e os 163M€ destinados á construción de nova vivenda supoñen un aumento do 63%. E destacou que da cifra global de 269 millóns, 168 corresponden a fondos propios da Comunidade, un 36% máis que no exercicio precedente. Só o 17% do orzamento do IGVS provén de fondos finalistas do Estado.
A Sociedade Vipugal, que xa ten en marcha 1.777 fogares, terá un orzamento de 77,8M€, que se destinarán á promoción de nova vivenda pública. E o programa Fogar Vivo para mobilizar vivendas baleiras, posto en marcha este ano e que xa recibiu máis de 300 solicitudes, triplicará a súa dotación ata os 2,6M€.
Novas medidas
A conselleira puxo o foco nas novas medidas para axilizar a posta á disposición de vivenda. Así, destacou que a Xunta realizará unha oferta pública de adquisición de baixos para transformalos en vivenda pública de calidade e con carácter permanente, dotado con 5M€. Ademais, o IGVS terá o dereito de tanteo e retracto para a adquisición das vivendas protexidas, e comprará directamente as vivendas públicas en segundas e posteriores transmisións.
Así mesmo, regularase a figura dos aloxamentos compartidos, en canto á súa composición e características, a través dunha modificación da Lei de Vivenda. A conselleira destacou que se busca seguir a incrementar o parque público residencial con propostas máis alá do piso convencional que equiilibran a autonomía individual e a vida compartida e permiten atender as novas modalidades de convivencia.
Allegue destacou tamén a modificación normativa que permitirá construción de vivenda protexida e aloxamentos compartidos en solos dotacionais en desuso, que permitirá axilizar a construción e rexenerar espazos urbanos ao mobilizar patrimonio público ou privado cun fin social, subliñando que todas as vivendas que resulten terán cualificación pública permanente. Estes solos públicos ou privados en desuso poderán destinarse a partir do 2026 a construír vivendas ou aloxamentos promovidos pola Xunta ou promotores do sector, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico.
Outra das modificacións permitirá incrementar a edificabilidade en solos urbanizables, sempre que se garante que o 60% será para vivenda protexida. A conselleira destacou que a medida buscar dar facilidades para que resulte máis atractivo construír vivenda protexida e neste eido subliñou tamén que se continuará coa liñas axudas para que promotores e cooperativistas impulsen este tipo de vivenda.
Ademais da colaboración do sector privado, a conselleira quixo poñer en valor a cooperación cos concellos en materia de cesión de solo para construír vivenda pública. Sinalou que xa hai 850 novos fogares en marcha tras os acordos alcanzados cos municipios de Teo, A Estrada, Lalín, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Ames, Vilagarcía, Carballo, Narón e San Cibrao das Viñas
E neste marco de colaboración, Allegue adiantou que a partir do vindeiro 1 de xaneiro os concellos poderán promover e desenvolver Proxectos de Interese Autonómico para a creación de solo destinado ao menos nun 80% á construción de vivenda protexida.
Onde?
A Xunta seguirá avanzando na Estratexia de Desenvolvemento de Solo Residencial, para a que se prevé unha dotación de 18 M€. Están tramitados Proxectos de Interese Autonómico para 9 ámbitos en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Arteixo e Vilagarcía de Arousa e comezou a tramitación dun en Marín. Por outra banda, o Fondo de Cooperación lanzado este ano para axudar aos concellos a financiar a construción de vivenda protexida, urbanizar solo ou adquirilo terá unha consignación de 10M€.
Lugueiro accesible
Allegue subliñou tamén a aposta da Xunta para a dinamización do rural a través da rehabilitación de vivendas. Neste senso, indicou que se duplicará o orzamento das axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) supramunicipais de Ribeira Sacra e Camiño de Santiago, que terán unha consignación de 2M€. Estas achegas permitiron reformar preto de 2.000 vivendas desde a súa posta en marcha no 2021.
Ademais, para o programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal con destino a alugueiro accesible, consígnanse 2,1M€.
Rehabilitación
O Programa Rexurbe terá unha dotación de 12M€ para abordar as actuacións en marcha nos centros históricos de Betanzos, A Coruña, Ferrol, Mondoñedo, Ribadeo, Ourense, Ribadavia e Tui. E continuaranse a impulsar rehabilitacións a través do Consorcio Vello de Vigo, cun orzamento de 2,7M€, multiplicando por 4 o orzamento da Xunta de Galicia. respecto a este 2025.
Por outra banda, a Xunta reafirmará o compromiso para facilitar a compra de vivenda incrementando a dotación ata os 4,8M€ nas liñas de axudas para compra por parte da mocidade, en centros históricos e para o acceso a vivendas protexidas. Esta última crece nun 50%. No caso das partidas para axudas ao alugueiro, suman 18,9M€, fronte aos 13,2 do 2025.
Urbanismo e infraestructuras
O Goberno galego destinará 23 millóns de euros para seguir co impulso dunha ordenación territorial sostible e responsable, a través das accións da Dirección Xeral de Urbanismo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Na súa intervención, a conselleira tamén abundou nos máis de 263M€ que o departamento que dirixe investirá en materia de Infraestruturas, sumando capacidade de investimento para seguir a dotar os grandes eixos en marcha, (Tui-A Guarda, Santiago-A Estrada, Brión-Noia…) e para avanzar en novas obras na autovía Nadela-Sarria, Costa da Morte ou no desenvolvemento grandes proxectos de mobilidade como o da Lanzada. “Avanzando nunha Galicia mellor, máis humana e conectada”.
Destacou o investimento histórico de 71,6M€ que se destinará á conservación e mellora da rede autonómica —3 M€ máis que en 2025—, dos cales 27M€ irán a reforzos de firme e conservación extraordinaria. Ademais, a Xunta investirá 57M€ en ampliar o número de quilómetros de vías de altas prestacións e variantes.
Allegue lembrou que o rescate das catro concesións de peaxe en sombra supuxo o aforro de máis de 330 M€ en cánones futuros e a eliminación total da carga para o exercicio 2026: “O próximo ano a cifra será cero euros. Ese aforro tradúcese en maior capacidade de investimento e en máis recursos para mellorar a rede viaria”, subliñou.
A conselleira remarcou que Galicia volve a blindar as bonificacións das súas autoestradas, cun orzamento de 6,5 M€, o que permite manter as tarifas entre as máis baixas de España, situando as autoestradas AG-55 (A Coruña–Carballo) e AG-57 (Vigo–Baiona) como as máis económicas das 34 vías de peaxe do país.
Actuacións en marcha
Durante 2026, a Xunta seguirá sumando novos quilómetros e mellorando tramos estratéxicos, consolidando unha rede de altas prestacións que incrementou un 70% nos últimos 15 anos.
Entre as principais actuacións destes orzamentos destacan a AG-59 Santiago–A Estrada, con 17M€ para avanzar no segundo tramo entre Pontevea e O Rollo; a VAP Tui–A Guarda, con 8M€ para o tramo entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350; a conversión en autovía do corredor Brión–Noia, con 5,2M€; a autovía Nadela–Sarria, que duplica o investimento ata 5M€ en 2026.
Daráselle pulo á VAC Costa Norte e Variante de Viveiro, con 4M€.; a VAC Costa da Morte, 8€ para o tramo Baio–Berdoias; a variante de Carballo, 0,5M€. E na anualidade 2026 continuarase ademais co acondicionamento e restitución da LU-651 no Folgoso do Courel, 3M€.
Ademais, destacou o novo proxecto estratéxico (PIA) da Lanzada, con 1 M€ para impulsar un novo eixo para mellorar a mobilidade do Salnés entre Sanxenxo en O Grove, e a protección ambiental da contorna.
Seguridade viaria
En materia de seguridade viaria, Galicia seguirá a ser referente nacional coa Estratexia para a eliminación de puntos problemáticos, á que se destinan case 5M€, máis outro millón para accesibilidade e mellora de seguridade nas estradas. As actuacións chegarán a vías como a AC-523 (Culleredo), AC-552 (Vimianzo), AC-544 (Ames), PO-510 (O Porriño–Salvaterra) ou AC-116 (Valdoviño).
A Xunta tamén destinará 7M€ á construción de sendas peonís e ciclistas en 18 comarcas, sumando 150 novos quilómetros aos máis de 300 xa executados.
Estas actuacións completaranse co programa Estradas Verdes (3,5M€), orientado á limpeza, reforestación e control de vexetación, e co investimento no xemelgo dixital das estradas (2,2M€) para avanzar cara a unha xestión moderna e sostible.
Facer cidades
A conselleira destacou tamén o labor da Xunta na transformación urbana e a cooperación cos concellos galegos para impulsar proxectos singulares que melloran a mobilidade e a integración urbana. Entre algunhas principais actuacións citou: a rolda Este de Lugo (4M€); a variante de Alba en Pontevedra (0,2M€), a circunvalación Leste de Ourense (1,5M€), o novo acceso ao CHUO desde a N-525 (1M€).
Tamén, no 2026, continuaranse a promover acordos de cooperación para desenvolver actuacións relevantes como: a segunda fase de Abrir Ferrol ao Mar (1,6M€), impulsar o novo proxecto da rúa Serra de Meira, Plan Paradai de Lugo (0,5M€) ou a cofinanciación para a prolongación do túnel da Porta do Sol, en Vigo (1 M€). Tamén, en Vigo, resérvase para o desenvolvemento da ETEA, dos ámbitos da PS1 (Convenio con Zona Franca e Concello de Vigo-0,21M€) e continuar coa execución da urbanización da PS-6 (3,8M€) o sector autonómico das antigas instalacións da ETEA que se está a transformar como espazo urbano, científico e social.
A Xunta tamén reserva 8M€ para convenios con concellos en materia de integración urbana e transferencia de estradas. Ademais, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) continuará executando, baixo encomenda, grandes proxectos da Xunta, como a ampliación dos hospitais de Ferrol, Ourense, Santiago e A Coruña, novos centros de saúde, o novo San Caetano, o Centro de Excelencia en Ciberseguridade, e infraestruturas educativas como o CEIP do Milladoiro e o IES de Navia.
“As contas que presentamos consolidan o traballo dunha Consellería que cumpre, que planifica con rigor e que executa con responsabilidade”, concluíu Allegue.

