Lonza, unha das organizacións líderes mundiais na fabricación de fármacos por contrato, anunciou hoxe a expansión das súas instalacións loxísticas no Porriño. O investimento «reforzará a eficiencia operativa da planta e a súa capacidade de almacenamento, co obxectivo de apoiar o crecemento futuro e permitir á compañía satisfacer as necesidades dos seus clientes», segundo indica a compañía.
Esta mañá, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou Lonza Porriño e as obras desta nova área de almacenamento.
O proxecto, que xa iniciou os traballos de edificación, transforma a área loxística existente e implica a construción de novos espazos nunha superficie de 2.000 m² anexos ás instalacións actuais, distribuídos en planta baixa máis tres niveis, destinados a ampliar as capacidades de almacenamento da firma. A nova área loxística contará con sistemas de alta tecnoloxía que permitirán mellorar a eficiencia operativa e optimizar o almacenamento e o transporte seguro de produtos biolóxicos, garantindo a súa integridade e trazabilidade.
O director de Lonza Porriño, Fernando Rodríguez Martín, afirmou que este proxecto “fortalecerá a infraestrutura tecnolóxica do emprazamento e reflicte o compromiso de investimento de Lonza con esta planta, non só en canto a eficiencias de capacidade produtiva, senón tamén a seguir reducindo a pegada medioambiental. Este fito tamén marca un paso adiante no futuro de crecemento en Galicia, reforzando a posición da rexión como un centro biotecnolóxico global e apoiando o desenvolvemento de terapias innovadoras con impacto significativo na saúde mundial.”
Colaboración público-privada
No marco desta visita, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puido coñecer de primeira man as capacidades de Lonza Porriño, a única planta de produción da compañía en España. Rueda destacou “o papel desta empresa como exemplo do modelo dunha Galicia innovadora, aberta e baseada no talento”. Subliñou “a importancia da colaboración público-privada que dende 2009 permite a formación na empresa de máis de 160 alumnos e alumnas de FP grazas ao convenio asinado coa Xunta, vixente ata 2029”.
Ademais, enmarcou esta cooperación “na Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico 2021-2025, que mobiliza 662 millóns de euros e consolida Galicia como referente europeo en biotecnoloxía e innovación”. Rueda tamén incidiu “nos esforzos da Administración galega por potenciar un selo propio de I+D+i, sendo Galicia a comunidade autónoma que máis aumenta o seu investimento nesta actividade, cun 28% máis, por riba dos 960 millóns”.
Neste sentido, celebrou “o impulso da nova fábrica de intelixencia artificial no CESGA”, centrada no uso desta tecnoloxía na saúde, e reafirmou o compromiso da Xunta “co talento, a innovación e o futuro da mocidade galega”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, celebrou “a excelente nova que supón para o noso concello que unha multinacional de referencia como Lonza siga apostando por medrar e consolidarse no Porriño” e lembrou que “Lonza non é só un referente internacional no ámbito das ciencias da vida, é tamén un motor de emprego e desenvolvemento para a nosa vila”.
Visita ás instalacións
Acompañados do director e do persoal directivo de Lonza Porriño, o presidente da Xunta, a conselleira de Economía e Industria e o alcalde realizaron un percorrido polas instalacións da planta, que actualmente suman un total de 35.000 metros cadrados.
En concreto, Lonza Porriño dedícase á fabricación por contrato de anticorpos monoclonais e proteínas terapéuticas, sendo especialista no escalado industrial e na produción de novos tratamentos contra o cancro, así como contra enfermidades raras e autoinmunes.
A firma conta cunha ampla traxectoria en garantía de calidade e excelencia nos procesos que, no Porriño, se centran na fabricación e distribución. En Lonza Porriño traballan actualmente máis de 540 persoas, en empregos de alta cualificación.

