A Valedora do Pobo galego, María Dolores Fernández, e a responsable da área de Seguridade Cidadá e Protección da institución rexional, Mar Barcón, mantiveron esta mañá unha xuntanza telemática de traballo cos representantes da Plataforma N-120, á que asistiron tamén voceiros municipais de distintas forzas políticas.
Neste primeiro encontro, que se reeditará no futuro, o colectivo expuxo ante a defensora dos intereses dos galegos e galegas «o histórico de acontecementos do colectivo, os puntos máis conflitivos da estrada, as xestións realizadas ante outros organismos e representantes políticos e diferentes casos particulares que exemplifican os perigos e dificultades aos que se enfrontan a diario os veciños e veciñas da zona», segundo indica a Plataforma nun comunicado.
Fin da vía adminsitrativa
O colectivo, que leva 10 anos reclamando a mellora desta vía, titularidade do Goberno de España, trasladoulle a súa intención de seguir adiante coa súa actividade despois de que o pasado venres o BOE publicase o anuncio oficial que supoñía o fin da vía administrativa do proxecto. “É efectivamente un paso adiante, pero cada vez que conseguimos algo temos que esperar dous ou tres anos ata o seguinte avance, e isto non pode ser”, explicou o voceiro da plataforma, Luis Campos no transcurso da reunión.
A Valedora do Pobo, que, expica a Plataforma, «se solidarizou cos veciños e veciñas que viven na contorna desta vía, especialmente os das parroquias de Xinzo, Areas e Arnoso, comprometeuse a redactar un informe sobre o caso e a elevalo ao seu homólogo a nivel nacional, o Valedor del Pueblo, xa que é este organismo o que ten competencia directa ao tratarse dun asunto relativo ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible.»
A Plataforma estuda xa a opción de acudir tamén a ese mesmo interlocutor estatal como colectivo, xa que conta co apoio dos voceiros de todos os partidos políticos con representación no pleno da corporación. Por último, os integrantes do colectivo agradecen publicamente a rapidez e a atención dispensada tanto pola Valedora como pola súa asesora en Seguridade Cidadá.

