jueves, octubre 23, 2025
InicioNewsComarcasVolve o evento gastronómico do Cocido Cañicense a partir do 27 de...

Volve o evento gastronómico do Cocido Cañicense a partir do 27 de outubro con 10 locais participantes

A Cañiza celebra unha nova edición do Cocido Cañicense, que chega á súa sexta tempada «como un dos eventos máis destacados do outono», segundo indican desde o Concello. O alcalde Luis Piña presentou esta mañá, no restaurante Os do Resero, a nova tempada acompañado da Concelleira Eva Rivas e do Alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, e o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun acto que destaca «a cooperación institucional e a importancia da gastronomía como eixo de promoción turística».

Cando?

Durante a semana do 27 de outubro ao 2 de novembro, a hostalería local servirá o tradicional cocido cañicense, un prato que «forma parte da identidade culinaria da vila e que se pode degustar todo o ano, especialmente na época do frío». O tempo de frío é tempo de cocido”, lembrou o Alcalde, poñendo en valor o esforzo e a implicación dos hostaleiros e adegas locais.

Segundo indican desde a administración local, o cocido é parte esencial da identidade culinaria da Cañiza. Un prato que mantén vivo o espírito da cociña tradicional galega, elaborado de maneira artesanal con produtos da terra e o coidado propio das receitas de sempre. Cada plato fala de historia, das familias e da trasmisión desta tradición culinaria de xeración en xeración.O Cocido Cañicense é unha mostra desta cociña, «preparado con chourizos de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño, costela, pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo».

Ademais, acompáñase de caldo servido en tazón, sobremesa de arroz con leite ou leite frita e cafés, todo maridado cos viños da D.O. Rías Baixas das adegas locais Eido da Fonte e Abelán.

Onde?

Na presentación, o Alcalde destacou a necesidade de reservar mesa con antelación nos establecementos adheridos a esta semana promocional:

  • Os do Resero
  • Eido do Monte
  • Arela
  • Hammond
  • Chiringuito da Avoa
  • Xamonería Xatomé
  • Área de Servizo
  • Bar Piri Piri
  • Casa Eligio
  • O Noso Bar

Sorteo para as persoas que participen na nova edición

Este ano tamén se mantén a iniciativa da tempada 2024 de agasallar a cada comensal que goce dun menú de cocido nesta semana promocional, cunha rifa para participar no sorteo de 30 noites de hotel para dúas persoas nos establecementos do municipio.

O sorteo celebrarase o 14 de novembro, unha iniciativa coa que o Concello «quere recoñecer a fidelidade dos visitantes e impulsar o turismo de proximidade«. “Queremos que o Cocido Cañicense sexa tamén unha oportunidade para descubrir A Cañiza, a súa gastronomía, as súas adegas e as súas rutas de sendeirismo, que nesta época do ano acadan unha beleza especial”.

Na presentación o Alcalde Luis Piña agradeceu a presenza dos seus homólogos e puxo en valor a cooperación institucional que une a A Cañiza, O Carballiño e Tui, tres concellos que comparten «compromiso coa promoción do territorio e co mantemento das súas tradicións, tanto gastronómicas como relixiosas e culturais».

O Alcalde destacou tamén as semellanzas entre A Cañiza e O Carballiño, «dous concellos pioneiros na promoción do turismo gastronómico a través das súas coñecidas festas do Xamón e do Polbo, celebradas tradicionalmente en agosto, e agradeceu a primeira visita institucional do Alcalde de Tui».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS