jueves, octubre 23, 2025
InicioNewsComarcasTraballo levanta acta por infracción moi grave á concesionaria do SAF de...

Traballo levanta acta por infracción moi grave á concesionaria do SAF de Ponteareas por substituír persoal en folga

A Inspección de Traballo vén de levantar acta contra a empresa Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, «por infracción moi grave en materia de relacións laborais ao constatar que a compañía substituíu traballadoras en folga con persoal de nova contratación», segundo indican desde o sindicato CIG.

A resolución responde á denuncia presentada polo sindicato nacionalista «tras detectar que a empresa estaba incorporando persoal ao servizo malia estar activa unha folga indefinida dende o pasado 26 de setembro». Segundo as dilixencias practicadas pola autoridade laboral, «Óbolo pretendía xustificar estas contratacións alegando que non eran para cubrir servizos mínimos, senón para cubrir baixas e vacacións».

Tal e como indica a CIG nun comunicado, «na acta acredítase que, cando menos, a empresa contratou unha traballadora co único obxectivo de substituír e deixar sen efecto o paro indefinido, xa que lle asignou as mesmas persoas usuarias e as franxas de servizo que lle correspondían a unha compañeira en folga». Esta práctica, apuntan, «está prohibida pola normativa vixente«.

No escrito, a Inspección lembra que, «con anterioridade, xa se levantara dilixencia advertíndolle a Óbolo da obriga de absterse de toda actuación que implicara substitución, directa ou indirecta, de persoas traballadoras en folga, incluíndo a contratación de novo persoal». Unha advertencia que a empresa «incumpriu e razón pola que se reforza o elemento de culpabilidade e gravidade da conduta infractora».

Ante esta nova «actuación ilegal da concesionaria do SAF», a CIG insta o Concello de Ponteareas a «actuar coa máxima dilixencia na defensa dos dereitos das traballadoras e das persoas usuarias e iniciar, por fin, os tramites para a rescisión efectiva do contrato con Óbolo». Os do sindicato inciden en que «a empresa non só continúa sen resolver as graves irregularidades laborais e na prestación do servizo que motivaron a convocatoria da folga indefinida, senón que cada día suma unha nova ilegalidade».

Por todo isto, «o Goberno local non pode seguir a eludir as súas responsabilidades e debe actuar xa para garantir que o traballo de atención a domicilio se desenvolve en condicións dignas e que o servizo que se presta coa mellor calidade para as persoas usuarias».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS