O TSXG declara improcedente o despedimento dunha auxiliar técnica educativa encargada, durante a noite do 14 ao 15 de marzo de 2024, do coidado dos menores que residían nun piso xestionado pola asociación na que traballaba. Durante a súa quenda, unha das menores manifestou ter sido violada por un compañeiro mentres estaba durmida.
A Sala do Social, polo tanto, decreta a readmisión da traballadora, co pagamento dos salarios non percibidos, ou ben a extinción da relación laboral con abono dunha indemnización de 10.454 euros. A asociación demandada, con sede en Vigo, coordina e dirixe casas de familia nas que se atende a menores desamparados, cuxo coidado, vixilancia e educación lle encomenda a Xunta.
“A circunstancia de que non comprobase quen estaba en cada habitación sobre as 23:30 horas non entendemos que poida cualificarse de neglixencia grave”, conclúen os maxistrados na sentenza. Nela, o TSXG advirte de que non é esixible a unha traballadora “que se atopa soa nunha casa con seis menores e un bebe ao seu cargo” que, ademais das tarefas propias da levanza dunha casa e das administrativas, “estea vixiante todo o tempo, pois é unha tarefa ímproba, que ademais non é seguro que evitase o evento danoso”.
Causa de despedimento
Os xuíces lembran no fallo que “non todo incumprimento do contrato por parte do traballador é causa de despedimento, senón que a resolución unilateral do contrato só pode operar como reacción a un incumprimento cualificado, ou, como se deduce do artigo 54 do Estatuto dos Traballadores, de incumprimento contractual grave e culpable”.
Nese sentido, de conformidade co alegado pola recorrente, consideran que a conduta que consta probada non constitúe unha falta moi grave. Así, descartan que actuase “con fraude ou imprudencia” ou que desobedecese “no cumprimento das funcións encomendadas de forma grave”. A iso, engaden que tampouco “concorre unha indisciplina, desobediencia ou neglixencia evidenciada de forma moi grave”.
“A traballadora cumpriu coas súas obrigas, pois controlou inicialmente ao menor, dedicouse á bebé de 10 meses, á que aseou, lle deu a cea, a cambiou de roupa e a deitou, confirmando que se durmiu”, explican os maxistrados na resolución, na que relatan que, acto seguido, “comprobou que as luces das habitacións estaban apagadas e todo estaba en silencio, procedendo co cumprimento das súas outras obrigas, tales como recoller, fregar, poñer a lavadora, etc.”. Posteriormente, sobre as 00:00 horas, foi ao despacho para realizar tarefas administrativas, sendo entón cando a menor lle comunicou que fora violada esa noite.
Na resolución, os xuíces explican que a asociación baseou o despedimento en que non comprobou que o menor se fora ao seu cuarto cando o atopou na habitación da súa compañeira, sobre as 22:15 horas. Con todo, o TSXG infire, do testemuño da menor, que si abandonou a habitación cando llo pediu a auxiliar técnica educativa, pero regresou sobre as 22:40 horas.
En canto ao segundo motivo do despedimento, é dicir, non comprobar quen estaba en cada habitación tras confirmar que as luces das habitacións estaban apagadas e todo estaba en silencio, sobre as 23:30 horas, a Sala afirma que non conta “con dato algún respecto ao protocolo a seguir na casa de familia onde prestaba servizos”, polo que só conta “coa obriga xenérica do coidado dos menores que alí residen”. En base a iso, recalca que “resulta probado que a traballadora non abandonou o seu posto de traballo”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.