O Concello de Mos organiza dúas propostas para celebrar o Samaín dirixidas tanto á rapazada como á mocidade, combinando diversión, creatividade e conciliación familiar.
Por unha banda, o Campamento de Samaín, que se desenvolverá os días 31 de outubro e 3 de novembro no CEIP Petelos, está destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos. O horario será de 9:00 a 14:30 horas, cun custo de 25 euros por persoa, e ofrecerá tamén aula matinal de 8:00 a 9:00 horas por 10 euros.
As inscricións estarán abertas ata o 28 de outubro, a través do Rexistro Xeral do Concello ou da sede electrónica municipal, tendo preferencia os menores empadroados ou escolarizados en Mos. O campamento require un mínimo de 15 participantes para a súa realización, e o prazo de pago remata o 29 de outubro.
Ademais, pensando na mocidade, o Concello de Mos propón o Obradoiro de balde “Halloween Make-Up”, unha actividade dirixida á rapazada maior de 13 anos que se celebrará o 31 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, no Espazo Xuvenil Casa Reitoral de Petelos. As inscricións están abertas ata o 28 de outubro.
Trátase dunha proposta práctica e creativa onde as persoas participantes aprenderán técnicas de maquillaxe artística e de caracterización de terror, coincidindo coa celebración do Samaín, da man de Ondas & Perfil.