O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible da luz verde á aprobación definitiva do proxecto de trazado da Nacional 120 ao seu paso por Ponteareas. Trátase dos puntos quilométricos 644,900 e 649,950. A actuación conta cun orzamento base de licitación de 3,34 millóns de euros e inclúe novas glorietas, a mellora da seguridade viaria así como o tratamento das marxes da estrada.
En concreto, a resolución recolle que «tanto para a nova implantación, recolocación ou eliminación de paradas de autobús como para a localización de pasos de peóns, estudarase a mobilidade peonil e as paradas acordadas para o que se informará a todos os organismos e compañías correspondentes tanto da substitución como da localización proxectada» e que «eliminarase a glorieta situada no p.k. 646+470 proxectada no Documento Complementario» así como «modificarase a solución proposta no acceso do PK 649+550 marxe esquerda dispoñéndoo de saída e entrada».
Pola súa banda, o documento establece que deberase analizar a posibilidade de manter os accesos que non dispoñan dun
alternativo e que se terán en conta as redes de abastecemento que achegou o Concello de Ponteareas no trámite de información oficial. Ademais, «solicitarase novamente a información sobre todas as redes existentes na zona, xa sexan públicas ou privadas».
Control arqueolóxico
Transportes proxectará a axecución dun fresado da plataforma existente «con carácter previo á extensión da nova capa de rodadura» e realizará un control e seguimento arqueolóxico de movemento de terras na xona da contorna de protección de Cividá. Refírese ao castro que se localiza na parroquia de Xinzo.
De igual xeito, para a construción destas glorietas, o Minsiterio terá en conta as instalacións de telefonía, internet, auga e luz e «procederá a súa reposición segundo normativa vixente, informando as compañías titulares». Realizarase, tamén, unha nova consulta ao Catastro, «de forma que as titularidades das parcelas queden actualizadas a data de proxecto».
O documento establece que modificarase o deseño das glorietas, «baseada nun estudo de traxectorias o cal se incluirá no proxecto de construción, dispoñendo no anel interior das glorietas dunha anchura suficiente para garantir a circulación pola estrada da Nacional 120 dos vehículos de transportes especiais» e que se analizará o espazo libre de acceso ao garaxe situado na marxe dereita do punto quilométrico 649+190.
«Un paso máis para a licitación»
Neste contexto, o Partido Socialista de Ponteareas explica a través da súa voceira, Vanesa Fernández, que «o PSOE cumpre» e que se trata «dun paso máis e necesario para seguir avanzando no proxecto de seguridade, imprescindible para a seguridade dos veciños e das veciñas». Indica Fernández que «é un paso máis para poder pasar á licitación do proxecto» e agradece «o traballo da Plataforma N-120 durante todos estes anos, nós, seguiremos comprometidos e traballando».