Mércores, Xaneiro 28, 2026
HomeNewsComarcasA Plataforma Nacional 120 advirte: "Sentímonos alarmantemente esquecidos polos responsables políticos"

A Plataforma Nacional 120 advirte: “Sentímonos alarmantemente esquecidos polos responsables políticos”

A Plataforma pola mellora da N-120 mantén a súa actividade reivindicativa para acadar “o gran obxectivo fundacional do colectivo”, segundo indican nun comunicado. Piden que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que dirixe o socialista Óscar Puente execute, “dunha vez por todas”, o proxecto de mellora da vía que está “totalmente paralizado e que segue a poñer en risco a vida de miles de usuarios día tras día“.

Despois de promover durante semanas manifestacións e cortes de tráfico na nacional 120, na que participaron distintos clubs deportivos e colectivos de Ponteareas, a plataforma segue intensificando a súa estratexia reivindicativa para dar continuidade ao traballo realizado. Co apoio de todas as forzas políticas con representación no pleno municipal ponteareán e “de cada vez máis veciños e colectivos”, dáse un paso máis na folla de ruta marcada “co envío dunha carta ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, o máximo representante do Goberno de España na comunidade”.  

Nesa carta solicitan unha “reunión urxente na que poder darlle traslado, de maneira directa e detallada, da gravísima situación que se leva vivindo na estrada nacional N-120 ao seu paso por Ponteareas e os municipios limítrofes durante os últimos anos”.

En paralelo, a Plataforma N-120 interpón tamén unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, á que lle pide amparo para a defensa dos intereses colectivos dos 17.000 usuarios diarios da estrada, solicitando tamén unha reunión “para poder presentar os antecedentes dos feitos, as xestións realizadas ata o momento e os próximos pasos previstos”.

Segundo destaca o voceiro do colectivo, Luis Campos, “a situación é insoportable. Sentímonos tremendamente apoiados pola xente pero alarmantemente esquecidos polos responsables políticos, que son os que teñen que poñer solución ao gravísimo problema de inseguridade desta vía”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS