A Sala do Civil e Penal do TSXG ratifica a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condena a tres anos e medio de cárcere a un home por posuír en dúas vivendas de Ponteareas 44 armas sen autorización.
Os maxistrados explican na sentenza que o investigado adquiriu na internet tres dispositivos metralladores, os cales «só serven para converter unha pistola semiautomática nun aparello metrallador», polo que, «na medida na que altera a súa natureza, a converte nunha arma prohibida, automática, de guerra».
A Sala explica que se incautaron, nos rexistros realizados nos domicilios do acusado, 84 armas de fogo, das cales 44 estaban “en aparente estado normal de funcionamento» e o seu propietario «carecía do título que o autorizase para a súa tenza ou posesión». Ademais, os axentes incautaron multitude de «cartuchos metálicos e de material e útiles para a súa recarga«, atopando algunhas destas pezas nunha cámara acoirazada nunha das vivendas.
O tribunal, polo tanto, rexeita o recurso de apelación presentado pola defensa do acusado, no que alegou que se vulnerou o seu dereito a un proceso con todas as garantías. A Sala indica que resulta «perfectamente lóxico e coherente que, ante o conxunto de proba incriminatoria non desvirtuada, nin o tribunal de instancia nin o de apelación alberguen a máis mínima dúbida que posibilite a aplicación do principio in dubio pro reo«. A sentenza non é firme, xa que é recorrible ante o Tribunal Supremo.