jueves, octubre 9, 2025
InicioNewsMedio Ambiente completa o reparto de palla, cereais e sal para garantir...

Medio Ambiente completa o reparto de palla, cereais e sal para garantir a superviviencia da fauna tras os lumes

A Xunta repartiu nun mes máis de 105,6 toneladas de alimentos para a fauna silvestre en zonas afectadas polos incendios do verán en Galicia, grazas os traballos dos axentes medioambientais realizados por terra e a varios voos que executaron a técnica de helimulching.  Esta iniciativa, «que senta as bases para futuras intervencións de recuperación ambiental», segundo inidican desde a administración autonómica, está a servir para asegurar que animais de diferentes especies permanezan nos seus hábitats naturais.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, desprazouse hoxe ata a zona do Alto do Rodicio, en Maceda (Ourense) para, acompañada de persoal técnico, analizar as accións de alimentación complementaria que se estiveron a realizar pola zona e que están destinadas a garantir a supervivencia dos animais presentes nas áreas afectadas polos lumes. 

Tamén obtivo máis información sobre o estado dos hábitats naturais e a eficacia das medidas postas en marcha polo seu departamento, en colaboración cos concellos e os servizos técnicos. Neste contexto, visitou o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Alto do Rodicio para comprobar o estado dos animais que están a ser atendidos nese espazo. 

Ángeles Vázquez recalcou os esforzos para axudar aos animais das zonas que se viron afectadas polos lumes.  Engadiu que «hoxe, unha vez que as condicións meteorolóxicas o permitan, realizarase o noveno e último voo do helicóptero que está a distribuír distintos alimentos a fauna silvestre presente nunha zona de difícil acceso; ao tempo que se comprobará desde o aire se aparecen máis rebrotes  de flora».

Desde comezos de setembro e no que vai de outubro, os equipos técnicos encargados dos traballos afrontaron por terra e por aire o reparto dun total de 105.695 quilos de aporte alimenticio -entre palla, cereais e sal- para hervíboros (principalmente grandes ungulados) e aves. Esta actuación supuxo un investimento de 275.000 euros.

En concreto, a través dos efectivos aéreos e dos axentes por terra, foron repartidas máis de 88.400 quilos de palla grande, 6.800 quilos de palla pequena, 9.325 quilos de cereais e 1.100 quilos de sal.

A campaña, que tivo un carácter pioneiro ao combinar a técnica do helimulching e o reparto por terra, organizouse de xeito que se puido chegar a zonas complicadas desde o punto de vista orográfico. En concreto, actuouse en cinco distritos ambientais da provincia de Ourense, en concreto, os de Ribeiro – Arenteiro; Miño -Arnoia; Distrito XIII Valdeorras-Trives; Verín – Viana e Xinzo de Limia.

Restauración

A titular de Medio Ambiente apuntou que xa hai constancia de que corzos, cervos e aves acoden aos lugares nos que se distribuíu palla, cereais e sal, polo que considerou que «se está a protexer á fauna para que se manteñan nas zonas que se viron afectas polos incendios». De feito, en xornadas anteriores, as cámaras instaladas polos axentes ambientais e as imaxes obtidas durante os voos de recoñecemento aéreo, rexistraron estes indicios de recuperación da actividade da fauna silvestre.

Tras destacar o traballo realizado polos equipos técnicos, Ángeles Vázquez tamén quixo  agradecer aos 650 voluntarios xa inscritos para participar, a partir desta fin de semana, en tarefas de reparto, acompañados por persoal de medio ambiente, en zonas menos perigosas. En concreto, este sábado comeza un programa de 28 accións de voluntariado que se desenvolverán en catro fins de semana.

A través destes traballos, a Xunta quixo reafirmar «o seu compromiso coa restauración dos ecosistemas danados polos incendios e coa protección da biodiversidade galega, poñendo todos os medios técnicos e humanos ao servizo da natureza para favorecer unha recuperación o máis rápida posible e sostible».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS