jueves, octubre 9, 2025
InicioNewsGalicia activa a liña de comunicación cuántica máis longa de España: "Un...

Galicia activa a liña de comunicación cuántica máis longa de España: «Un fito histórico para a ciberseguridade»

«Desde este lugar e neste intre queda escrita unha nova páxina da historia». Este é só un pequeno fragmento da primeira mensaxe enviada a través da liña de comunicación cuántica terrestre posta en funcionamento este xoves en Galicia, a máis longa de España e unha das máis grandes de Europa, 120 quilómetros que unen a partir de agora Santiago de Compostela e Vigo e, máis concretamente, o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, e o Vigo Quantum Communication Center, VQCC, da Universidade de Vigo.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron na posta en funcionamento desta conexión, nun acto celebrado nas instalacións do VQCC da UVigo, ao que tamén asistiron, entre outros, o catedrático da UVigo Marcos Curty, director científico do VQCC; o director do Cesga, Lois Orosa; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles.

Na cita, lanzouse esta primeira mensaxe a través deste enlace terrestre de Distribución Cuántica de Claves (QKD) baseado en fibra, “un fito histórico para a ciberseguridade nacional”, sinalou o representante da Xunta de Galicia. O sistema permitirá establecer comunicacións ultra seguras, inicialmente entre Santiago e Vigo, aínda que está prevista a súa extensión a outros puntos da rede galega de investigación e a conexión á EuroQCI, a infraestrutura de comunicación cuántica segura que abarcará toda a Unión Europea, a través do proxecto europeo IberianQCI, do que o Cesga e o VQCC forman parte.

Aplicacións prácticas

As aplicacións prácticas desta tecnoloxía son amplas e de gran importancia, “desde a protección de infraestruturas críticas, como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía”, detallou Román Rodríguez, entre outros usos como o control de plantas de produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético ou para asegurar o intercambio de datos sensibles relacionados co desenvolvemento tecnolóxico na industria farmacéutica. Tamén pode garantir a confidencialidade nas comunicacións gubernamentais e militares, así como nas redes empresariais de alto valor, xa que a medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes, a criptografía clásica estará en risco. “Este avance prepáranos para esa era, ofrecendo unha capa de seguridade que será inmune aos métodos de ataque futuros”, engadiu. 

Pola súa banda, o reitor vigués, Manuel Reigosa, insistiu na idea de que “xuntos somos máis fortes” e, neste senso, confirmou que eventos coma este demostran que “estamos en primeira liña de vangarda no coñecemento a todos os niveis e non podiamos quedar fóra daqueles campos ‘disruptivos’ como son a Intelixencia Artificial e as comunicacións e computacións cuánticas”. Nestes senso, non dubidou en afirmar que “o futuro de Galicia, de España e, en xeral, o futuro de Europa depende de que sexamos quen de estar aí”. 

‘A autoestrada cuántica do futuro’

“Este feito marca un antes e un despois na protección das comunicacións, garantindo unha seguridade a proba de futuros ataques”, remarcou Román Rodríguez, quen felicitou aos técnicos implicados a agradeceu a colaboración das distintas administracións para “construír esta autoestrada cuántica do futuro”. Neste aspecto fixo tamén fincapé o reitor vigués, quen se referiu a este logro como un “exemplo claro” de colaboración entre diferentes organismos. Nesta liña Reigosa puxo unha vez máis en valor a importancia da colaboración público-privada e de “aproveitar o talento dos sete campus galegos, dos centros do CSIC e demais entidades colaboradoras, porque só así seremos quen de dar a batalla”.

En opinión do conselleiro, este proxecto “amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías ‘disruptivas’, como a cuántica, unha aposta que non fixo máis que empezar e que xa nos sitúa como unha auténtica referencia no conxunto de Europa”. Explicou, ademais, que esta liña de traballo está aliñada coas estratexias estatais e europeas, tal e como se establece no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 aprobado este ano pola Xunta e no que as tecnoloxías profundas son unha liña prioritaria. 

Pola súa banda, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles, amosouse “convencida de que, co tempo, moitos destes avances poderán trasladarse ás nosas redes de comunicacións, achegando beneficios aos servizos que prestamos».

No caso do director científico do VQCC, o profesor Marcos Curty, insistiu na importancia que ten para a sociedade que as comunicacións sexan seguras. “Todos cando metemos a nosa tarxeta de crédito en internet ou facemos compras en liña é fundamental saber que as nosas comunicacións son seguras e o mesmo acontece coas comunicacións entre empresas, gobernamentais, militares…”, neste senso, explicou que a computación cuántica representa moitísimas oportunidades en numerosos ámbitos. 

Como funciona esta tecnoloxía?

O QKD, co que Galicia marca un novo fito, é unha tecnoloxía revolucionaria que utiliza as leis da física cuántica para crear e distribuír claves de cifrado de xeito totalmente seguro. Así, se alguén intenta interceptar a clave, o simple acto de intentalo altéraa, alertando de inmediato aos usuarios e facendo imposible a espionaxe. Este método ofrece seguridade fronte a calquera avance futuro da nosa capacidade computacional, algo que os sistemas de encriptación actuais non poden garantir a longo prazo.

Este logro fai posible a xeración de claves cuánticas a través dunha única fibra óptica sen cortes nin amplificadores de sinal en dous emprazamentos situados a máis de 120 km de distancia -Cesga en Compostela e o VQCC en Vigo-. O resultado demostra a viabilidade da tecnoloxía QKD en contornas reais, e posiciona a España á vangarda da investigación e o despregamento de infraestruturas de comunicacións cuánticas. 

Ata agora, tíñanse realizado varias demostracións en España de enlaces terrestres de QKD, concentradas principalmente en contornas metropolitanas como Madrid e Barcelona, acadando distancias de ata 40 km. A superación da barreira dos 100 km é un desafío significativo, xa que a luz que transporta a información cuántica atenuase ao propagarse ao longo da fibra óptica, o que require o uso de amplificadores de sinal, excluídos en QKD xa que o proceso de amplificación destrúe a información cuántica. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS