O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciaron hoxe a posta en marcha de visitas ao interior do Teatro Cine Fraga de Vigo a partir do 15 de outubro como “xusta correspondencia á xenerosa implicación e entusiasmo da cidadanía na recuperación deste espazo emblemático para convertelo nun centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular».
Así o salientaron ambos os dous representantes institucionais na presentación desta iniciativa, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, onde lembraron que a apertura ao público antes do inicio das obras “era un propósito en mente desde a adquisición do inmoble, pendente de que existisen unhas condicións axeitadas para poder levalas a cabo”.
Por estes motivos, celebraron que finalmente se poida desenvolver este programa con parada en catro espazos do inmoble, onde os visitantes, acompañados por un guía titulado, poderán afondar na historia e detalles deste edificio de máis de 7.000 metros cadrados incluído no Patrimonio Cultural de Galicia e ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes da Comunidade naquela época.

En novembro, para o público xeral
Tal e como explicaron, de xeito inicial estas visitas estarán reservadas para aquelas persoas que participaron en O mellor espazo busca o mellor contido, a campaña na que a través de encontros presenciais e unha caixa de correos virtual permitiu recompilar ideas, achegas e propostas da cidadanía para enriquecer o plan de usos. Todos eles recibirán esta mesma semana un convite e a continuación, a partir do mes de novembro, o programa abrirase para todo o conxunto da cidadanía que poderán facer as súas reservas a través do número de teléfono 986 118 227.
En canto aos detalles das visitas, debullaron que contarán con tres quendas semanais e que se levarán a cabo cada mércores ás 12,30, 16,00 e 17,00 horas con ata un máximo de 15 asistentes para optimizar a experiencia.
Finalmente, o conselleiro de Cultura subliñou que, coa posta en marcha desta iniciativa, o Goberno galego «volve demostrar, unha vez máis, que cumprimos coa palabra dada, cos vigueses e viguesas e con Vigo». «Temos xa listo seu plan de usos, a redacción do proxecto e a dirección de obras e, antes de que estas dean comezo, todo aquel que o desexe vai poder coñecer os primeiros pasos do chamado a ser un dos epicentros culturais da eurorrexión Galicia -Norte de Portugal«, concluíu.