No contexto da folga indefinida das traballadores do Servizo de Axuda no Fogar, Ponteareas vén de celebrar o pleno extraordinario co obxectivo de abordar a orde do día que non se puido continuar á causa das protestas do SAF. Unha sesión plenaria que se celebrou a porta pechada.
Durante a sesión plenaria do pasado martes, tan só foi aprobado cos votos a favor do goberno local, o orzamento municipal para o exercicio de 2026, entre berros de «folga, folga, folga no SAF».
Así convocouse o pleno extraordinario para as 8 horas deste venres co fin de retomar os puntos non tratados o pasado martes. Dende a oposición, solicitouse ao pleno a inclusión do asunto do SAF como primeiro punto na orde do día, opción que foi rexeitada polo goberno local. Tras a negativa, a situación volveu ser similar ao pleno do pasado martes.
Segundo o goberno local, «había imposibilidade de celebrar o pleno no Salón de Plenos e decidimos celebralo a porta pechada». Pola súa banda, os grupos políticos da oposición, aseguran non entender a situación e dende o BNG informan que «impedíronnos en primeiro lugar o acceso, permitíronnolo despois e finalmente chamando á policía e Garda Civil para que nos expulsasen da sesión».
Entrevista a Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas:
Entrevista a Miguel Bouzó, voceiro do BNG:
Dende o PSdG de Ponteareas, califican de «ataque absoluto e sen precedentes á democracia» ante a imposibilidade de deixar falar ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar así como de denegar, nunha primeira instancia, o acceso aos grupos da oposición da corporación municipal.
Entrevista a Vanesa Fernández, voceira do PSdG:
O concelleiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, considera que «non había motivación para celebrar o pleno a porta pechada, xa que non había ningún punto inaprazable».
Entrevista a Manoel Ucha, voceiro de Ponteareas en Común:
Os tres grupos da oposición veñen de anunciar que solicitarán por rexistro a realización dun pleno extraordinario onde o único punto do día sexa o Servizo de Axuda no Fogar, coa intención de buscar unha solución para as traballadoras e que sexan escoitadas.
Reunión coa empresa para buscar solución
Durante o día de onte, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar foron escoitadas tanto pola alcaldesa, Nava Castro e o Concelleiro de Facenda, responsable do contrato, Francisco Jesús Represas.
Segundo informan as propias traballadoras, «as medidas presentadas na reunión foron insuficientes». Agora, durante esta mañá, manterán unha reunión coa empresa concesionaria, Óbolo.
Entrevista coa responsable comarcal da CIG, Mercedes Domínguez, e representación das traballadoras do SAF: