miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsA Xunta pide a Aena que "non se desentenda das súas competencias"

A Xunta pide a Aena que «non se desentenda das súas competencias»

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá xunto coa directora de Mobilidade, Judit Fontela, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia no aeroporto Peinador de Vigo, onde lamentou que «o encontro rematase por cuestións de axenda de representantes de Aena, o que demostra que este organismo non se toma en serio». Por iso, tamén pediu que «se cambie o formato establecido para esta reunión, ao considerar que o actual non é operativo».

No encontro, a petición da Xunta, Aena comprometeuse a crear un grupo de traballo técnico no seo do Comité para trasladar información relacionada coa demanda de viaxeros ou os custos, que será clave para «ter unha posición máis organizada» de cara a levar a cabo a coordinación dos aeroportos galegos. Así, Diego Calvo incidiu en que «son o Goberno central e Aena os que deben liderar esa tarefa de coordinación, dado que é a súa competencia, en lugar evadir a súa responsabilidade e derivala a outras administracións». Entre a información que debe trasladar Aena, o conselleiro solicitou coñecer o detalle no que atinxe a Galicia do plan de investimentos do Executivo estatal nos distintos aeroportos entre o 2027 e 2031.

Tras o encontro, conselleiro trasladou que Aena ten que asumir unha actitude máis “proactiva” co traslado de información e tamén «liderar unha planificación eficiente de rutas, ademais de dar resposta á situación actual marcada polo aumento das taxas aeroportuarias que -aclarou- non deberían ser homoxéneas en todo territorio, senón que terían que atender ás singularidades de cada caso».

Segundo indican desde a Xunta de Galicia, que «cómpre lembrar que Galicia é unha das comunidades máis afectadas polos anuncios de redución de rutas como a de 1 millón de prazas de Ryanair e o incremento de taxas, o que pode causar un impacto negativo na economía, no turismo e na mobilidade dos galegos e galegas».

Por parte da Xunta, Diego Calvo lembrou que está a desenvolver o plan de promoción turística, no que inviste máis de 13 millóns de euros anuais en 130 accións en máis dunha trintena de países para incentivar o destino galego e atraer máis visitantes á comunidade. Así, lembrou que «máis dun terzo dos visitantes que recibiu Galicia o ano pasado eran estranxeiros, ao que, entre outras medidas, contribuíu esta promoción». Aclarou que se trata dunha promoción en orixe, polo que «o medio de transporte escollido é unha opción persoal e no caso do aeroportuario ou ferroviario, competencia estatal».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS