O Concello de Ponteareas vén de acadar un acordo coa empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para poñer en marcha, a partir do 1 de outubro, “un programa piloto de incentivos económicos dirixido ao persoal deste servizo”, segundo indica a adminsitración local nunha nota de prensa.
O obxectivo é, segundo explica o Concello, “recoñecer o traballo e esforzo diario das traballadoras e traballadores, ao tempo que se reforza a calidade da atención ás persoas usuarias, que constitúen a principal prioridade do goberno local”.
O plan contempla unha “retribución adicional de ata 118 euros mensuais por traballadora ou traballador que preste de maneira efectiva o servizo”. Este complemento extraordinario estará “vinculado ao desempeño real da actividade”.
Así mesmo, o Concello e a concesionaria acordaron que as nóminas se aboen sempre antes do día 1 de cada mes. Esta medida aplicarase xa na próxima nómina de setembro co obxectivo “de dar maior seguridade e tranquilidade ao persoal”.
En paralelo, Concello e empresa chegaron tamén a un acordo para o subministro de dispositivos telefónicos que permitirán mellorar a organización do traballo. Estes terminais serán entregados a todas as traballadoras en activo como data máxima o 15 de outubro.

