O Concello da Cañiza vén de rematar as obras de renovación dos sistemas de depuración da piscina climatizada do municipio. Así, o vindeiro 1 de outubro as instalacións volverán abrir ao público.
O investimento da actuación ascendeu a un total de 232.672,85€, dos cales 213.191,80 € corresponden á execución material, 6.001,60€ á redacción do proxecto, 6.824,40€ á dirección de obra, 5.324,00€ á dirección de execución de obra e 1.331,00€ á coordinación de seguridade e saúde.
A obra foi financiada case na súa totalidade a través de dúas subvencións da Deputación de Pontevedra; concretamente polo II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID 2025) e o Plan Máis Provincia 2024. O Concello tivo que aportar con fondos propios tan só o 0.08% do investimento total, 177,53 euros.
A necesidade de acometer esta nova mellora está relacionada coa reforma enerxética executada entre os anos 2021 e 2023, que permitiu mellorar a envolvente e eficiencia da piscina climatizada, quedando o sistema de depuración sen renovar por falta de orzamento. O antigo sistema de filtración por area resultaba pouco eficiente, con altos consumos de auga e enerxía e custos de mantemento elevados. Ademais, presentaba limitacións técnicas para garantir os niveis de calidade sanitaria que hoxe esixe a normativa.
O alcalde da Cañiza, Luís Piña, visitou as recentemente reformadas instalacións e destacou que «estas melloras supoñen un salto cualitativo na xestión da piscina municipal, cun sistema máis eficiente, sostible e seguro para todos os usuarios».