jueves, septiembre 25, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas presenta unha nova edición do Ciclo de Teatro Afeccionado "Tea Trea"

Ponteareas presenta unha nova edición do Ciclo de Teatro Afeccionado «Tea Trea»

O Concello de Ponteareas, no seu compromiso coa cultura e o fomento das artes escénicas, presenta o Ciclo de Teatro Afeccionado “Tea Trea 2025”, unha proposta que busca dar visibilidade ao talento local, promovendo a participación cidadá e o acceso ao teatro como ferramenta de expresión e cohesión social.

Este ciclo, que se desenvolverá entre os días 5 de outubro e 22 de novembro no auditorio municipal Reveriano Soutullo, contará coa participación de 8 grupos de teatro afeccionado procedentes de diferentes parroquias. Cada un deles ofrecerá ao público unha obra representativa do seu repertorio, abarcando xéneros que van desde a comedia clásica ata o drama contemporáneo.

Os grupos de teatro “Pena do Equilibrio”, “Noite Meiga”, “A Comuna”, “Pedra do Cabalo”, “Bambolina33”, “Todos xuntos”, “Os Serodios” e “Ponte Caneiro” subirán ao escenario o domingo 5 de outubro, o 12 de outubro, o 19 de outubro, o 26 de outubro, o 2 de novembro, o sábado 8 de novembro, o domingo 9 e o 22 de novembro”.

“Este ciclo non só celebra a arte escénica, senón tamén a dedicación, a paixón e o esforzo de quen o fai posible sen outro interese que o amor ao teatro”, sinalou o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, ao tempo que adiantou que as entradas serán gratuítas co fin de garantir o acceso a toda a cidadanía.

“O teatro é unha expresión de arte, unha peza chave na estratexia de crecemento de Ponteareas que quere cultivar e prolongar a creatividade que está detrás das nosas señas de identidade e da nosa orixe. Por iso quero dar os parabéns á concellería de Cultura por esta nova edición de Tea Trea e tamén agradecer aos grupos participantes a súa xenerosidade porque con eles pasaremos un tempo de calidade”, salientou a rexedora, Nava Castro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS