O día 14 de novembro terá lugar no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas a II Gala do Deporte, que porá en valor os logros deportivos das e os deportistas salcedenses nas últimas tempadas, nunha noite escollida para transmitir ao deporte de base do municipio o cariño e a calor que eles e elas mesmas colleitan co seu esforzo.
Segundo a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, “a I Gala do Deporte celebrouse en 2018, e neste momento pareceunos apropiado recuperala, e comezar a celebrala con periodicidade bianual. Temos a sorte de contar cun deporte de base sen igual, e merece ser posto en valor”.
Calquera deportista, equipo, ou entidade vencellada ao deporte (de orixe salcedense ou que garde unha relación estreita con Salceda) que desexe candidatar pode facelo ata 30 de setembro a través do formulario accesible a través do seguinte enlace: https://forms.gle/74hKoQ6UF1ZtoaFbA .
As categorías ás que se pode candidatar son:
- Premio Entidade que Colabora co Deporte
- Premio Mellor Evento Deportivo
- Premio a unha Vida Adicada ao Deporte
- Premio Mellor Equipo da Tempada
- Premio Mellor Adestrador/a
- Premio Escola Base
- Premio Deportista Masculino con Maior Proxección
- Premio Deportista Feminina con Maior Proxección
- Premio Deportista Masculino Absoluto
- Premio Deportista Feminina Absoluta
- Mellor Actividade/Acción Social.
O Concelleiro de Deportes, Marcos Troncoso, anima a todas as persoas interesadas a presentarse, engandindo que “estamos a desexar achegarlle o recoñecemento que merecen, a todas esas persoas deportistas das que sentimos tanto orgullo”.
O xurado estará formado por membros de todas as entidades deportivas do municipio que desexen participar, así como dos grupos políticos da corporación.