A Xunta estendeu hoxe a declaración da prealerta por escaseza moderada de auga ao sistema do río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo, e que se suma así aos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas, ambos en situación de prealerta desde o pasado 7 de agosto.
Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, presidida por vía telemática polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente e doutros cargos directivos do organismo hidráulico, así como de representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.

Para a adopción desta medida de precaución na conca do río Anllóns tívose en conta que desde mediados do mes de agosto presenta indicadores de escaseza por debaixo do límite de 0,30 e tras constatar que, lonxe de mellorar, nas últimas dúas semanas a situación amosou un lixeiro empeoramento. Así mesmo, a evolución nos ríos Lérez e Grande desde a última reunión tamén aconsella manter a prealerta en ambos sistemas.
A maiores, a Oficina Técnica da Seca acordou seguir coa aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta, pero sen declarala, no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial de escaseza (UTE) río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona e desde o cal se abastece a poboación deste municipio. De igual xeito, no subsistema de Zamáns, da mesma UTE, continuarase facendo un seguimento reforzado.
Para tomar estas decisións, tivéronse en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo fixado no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
De feito, o descenso do caudal dos ríos detectado desde o mes de xullo, debido á ausencia de choivas e á evaporación da auga pola calor propia da época estival, unido ao aumento notable da poboación durante o verán nalgúns dos concellos pertencentes ás UTE afectadas explican o escenario de escaseza moderada detectado en certas zonas.
Ademais, tendo en conta as previsións de MeteoGalicia a curto prazo, que non apuntan a un aumento claro das precipitacións entre finais de setembro e principios de outubro, acordouse decretar hoxe a prealerta no sistema do río Anllóns, sobre o que se mantiña un seguimento especial desde o pasado 22 de agosto, así como manter esta mesma declaración nas UTE do Río Lérez e do río Grande ante a falta de cambios significativos, mentres que o resto da demarcación segue en situación de normalidade.
En concreto, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa está no 65,86%, sendo un 6,89% inferior á do ano pasado e un 5,39% inferior á ocupación media nos últimos 10 anos.
28 concellos en prealerta
A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos nesta situación teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
En concreto, os 28 municipios afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, da UTE río Lérez; Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, da UTE río Grande; e Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia, incluídos na UTE río Anllóns. A maiores, en Baiona manteranse medidas equivalentes a unha situación de prealerta.
Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén aconsella aos concellos en situación de prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas ou o rego de parques e xardíns. Nesta liña, e tal e como establece o Plan especial de seca da Demarcación Galicia-Costa, o organismo hidráulico informou hoxe por escrito da declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios pertencentes á UTE do río Anllóns e que non estaban ata o de agora afectados.
En concreto, entre as medidas que propón adoptar a nivel municipal nas zonas cun escenario de escaseza moderada está o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.
A maiores, dentro do espírito de colaboración, desde a Xunta solicítase a implicación dos concellos afectados para establecer as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e levar a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego «traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza ou seca, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos», segundo indican desde a administración autonómica.