martes, septiembre 23, 2025
InicioNewsActualidadeA asociación ACEGA celebra en Mos unha festa para dar a benvida...

A asociación ACEGA celebra en Mos unha festa para dar a benvida ao novo curso escolar

A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) organiza en Mos unha proposta moi especial para dar a benvida ao novo curso escolar. Trátase da “Festa de Volta ao Cole”, que terá lugar o sábado 27 de setembro, de 17:00 a 19:30 horas, no Multiusos das Pozas.

A iniciativa está pensada como un encontro de familias con nenos e nenas, un espazo no que conversar, intercambiar vivencias e compartir unha merenda sen glute elaborada polas propias familias. Cada participante poderá traer a súa especialidade e tamén a receita para compartila co resto, de xeito que non só se goce dos sabores, senón que se intercambien ideas, trucos e consellos que logo poden reproducirse na casa.

Será unha tarde «agradable e segura», con animación infantil para os máis pequenos e pequenas, mentres nais e pais teñen a oportunidade de coñecerse, compartir experiencias e aprender uns dos outros.

Ademais do seu carácter lúdico, a festa ten como obxectivo visibilizar e concienciar sobre a realidade do colectivo celíaco, promovendo inclusión, comprensión e apoio social a todas as persoas que conviven con esta condición.

O Concello de Mos agradece a ACEGA a «elección do Multiusos das Pozas como espazo para a celebración desta festa, que combina convivencia, sensibilización e posta en valor da diversidade».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS