O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai destinar 10,4 M€ ata 2030 ao impulso e modernización das ensinanzas artísticas a través do novo Plan EDUC-ART, aprobado hoxe no Consello.
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ten como obxectivos estratéxicos mellorar a calidade destas ensinanzas, achegalas á realidade actual, poñelas en valor e potenciar a súa relación co sector produtivo, segundo explicou o presidente autonómico.
Rueda salientou que «o plan desenvolverase a través dun total de 37 medidas organizadas arredor de oito liñas de actuación: a actualización normativa, a mellora e dixitalización, a renovación da oferta formativa, a innovación, a internacionalización, a promoción e difusión destas ensinanzas, o recoñecemento da excelencia e a potenciación dos seus vínculos co mundo laboral e empresarial».
O presidente galego destacou «o pulo que a Xunta deu nos últimos 20 anos a esta formación académica, de tal forma que Galicia é hoxe un referente a nivel nacional neste eido» e que «o interese por estas ensinanzas, derivado da súa calidade, foi tamén medrando nas últimas dúas décadas, nas cales a matrícula duplicouse, pasando dos 3.000 alumnos aos máis de 6.200 actuais». De feito, proseguiu Rueda, «Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado, tras Valencia, coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en ensinanzas artísticas«.
Fomento das Escolas de Música
As tres primeiras liñas de actuación do plan céntranse na actualización normativa e implementación dos cambios derivados da Lei 1/2024, do 7 de xuño, pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores, así como na renovación e mellora da oferta educativa e na dixitalización.
Neste ámbito destacan medidas como a ampliación de prazas e o fomento das ensinanzas das Escolas de Música, fase previa ao ingreso nos conservatorios profesionais.
Impulsarase, ademais, a incorporación de novas especialidades e novos programas de mestrado e doutoramento. Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno galego puxo en marcha en 2023 o primeiro máster en ensinanzas artísticas de Galicia, en creación, interpretación e investigación musical, que se imparte no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Así mesmo, e coincidindo co Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, facilitarase a redución dos procesos administrativos coa introdución da matrícula en liña mediante aplicación ou automatización mediante o uso da intelixencia artificial.
Novos premios PREMI-ART e bolsas
A intelixencia artificial será tamén unha ferramenta protagonista nas liñas de innovación e internacionalización, incorporándoa na creación de novas contornas virtuais de ensino-aprendizaxe. Para estes avances contarase coa colaboración do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros e con formación especializada para a capacitación do persoal docente. O traballo desenvolvido polos centros neste eido darase a coñecer a través dos novos premios PREMI-ART, que recoñecerán os mellores proxectos innovadores.
A maiores, potenciarase as ensinanzas plurilingües a través do programa PLURIART, a participación do alumnado en programas como o Erasmus+ ou as estadías formativas no estranxeiro como as que xa se desenvolven en colaboración coa Fundación MOP para os estudantes de fotografía das escolas de arte e superiores de deseño.
Programa de grandes obras escénicas
O recoñecemento da excelencia e a promoción das ensinanzas artísticas son parte fundamental do plan. Nesta liña de actuación darase continuidade aos premios existentes (extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais, fin de carreira, á Excelencia Musical Mans Futuro en colaboración coa Fundación Paideia…) e «aos diferentes escaparates nos que a Consellería de Educación amosa a calidade destes estudos», tal e como indicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Así, continuarán celebrándose a feira InnovArt, o desfile Despunte ou o encontro de Ensinanzas do sector da imaxe de Galicia, Enfócate, ademais de outros novos eventos para a promoción destas ensinanzas. Tamén se promoverá, baixo a denominación Escénica, un programa de representación de grandes obras escénicas (óperas, zarzuelas, ballets, teatro, musicais, etc) que requiren a colaboración dos centros de música, danza e arte dramática con outros centros e entidades para o seu desenvolvemento.
Formación dual intensiva
A última liña de actuación do plan céntrase na potenciación dos vínculos das ensinanzas artísticas co mundo laboral e empresarial, a través do programa Colabor-art. Entre outras accións, prevese avanzar na formación dual intensiva, tras a boa acollida do itinerario de Xoiaría e complementos que foi pioneiro no Estado en impartirse nesta modalidade na especialidade de Produto da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela).
Tamén se establecerán convenios específicos para potenciar os vínculos das ensinanzas artísticas co tecido produtivo para facilitar as prácticas do alumnado e porase en marcha o programa para a acreditación da experiencia profesional e formación non formal nas ensinanzas artísticas entre outras medidas.
Rede de 16 centros
As ensinanzas artísticas abranguen as de Artes plásticas e deseño, Conservación e restauración de bens culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música.
Tal e como lembrou o presidente, impártense nunha rede de 16 centros da Xunta distribuídos por toda Galicia, en concreto nas Escolas de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), Ramón Falcón (Lugo) e Antonio Faílde (Ourense), na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra), nos conservatorios superiores de Música da Coruña e Vigo, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo), no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e nos conservatorios de música profesionais da Coruña, Xan Viaño (Ferrol), de Santiago, Xoán Montes (Lugo), de Ourense, Manuel Quiroga (Pontevedra) e de Vigo.