«O Concello do Porriño acadou un fito histórico: xa hai rexistro de ningunha factura pendente de pago, o que significa que a coñecida conta 413, aquela que recolle todas as obrigas derivadas de gastos realizados fóra do orzamento, vén de quedar a cero por primeira vez na historia deste Concello». Así o explicou este luns o alcalde, Alejandro Lorenzo, nunha rolda de prensa, quen explicou que «este logro confírmase ao recibir as últimas sentenzas firmes que dan, unha vez máis, a razón ao Concello e ao noso labor fiscalizador tanto cando estabamos na oposición como agora».
O rexedor do Porriño indicou que «moitas destas facturas foran conformadas polo anterior goberno e previstas para o seu pagamento, pero presentaban servizos reiterados sen contrato ningún. As empresas reclamaron xudicialmente o cobro e agora os tribunais rexeitaron as súas pretensión, determinando a súa devolución e avalando así a actuación do actual executivo municipal».
As principais actuacións levadas a cabo por este goberno municipal centrouse na «depuración contable, o control económico e a defensa xurídica«, segundo salientou Alejandro Lorenzo. «Foi un traballo arduo, con revisión de cada unha das facturas, anulando aquelas irregulares, duplicadas ou sen contrato; devolvéronse máis de 2 millóns de euros en facturas que non se correspondían cos prezos de mercado ou carecían de validez e que, pola contra, o anterior goberno tiña conformadas xa para o seu pago; e obtivéronse múltiples sentenzas firmes favorables, incluíndo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo, que evitaron pagos indebidos por importe de 853.648,86 euros».
Neste sentido, os distintos procedementos xudiciais «amosaron un patrón común: facturas emitidas sen contrato válido, ausencia de documentación acreditativa e mesmo servizos facturados que nunca chegaron a prestarse».
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explico que «a prioridade foi poñer fin ás prácticas de contratación irregular que, durante anos, provocaran a acumulación de facturas pendentes de pago por un importe de case 5,5 millóns de euros, que foi co que se atopou o actual goberno cando accedeu en decembro de 2021″.
Así, dende entón e ata o día de hoxe «levouse a cabo un proceso de regularización e control da contratación administrativa que supuxo unha profunda transformación na xestión económico-financeira, reforzando a legalidade, a transparencia e o bo uso dos recursos públicos».
A evolución da conta 413 «amosa con claridade a gravidade do problema: a cifra máis baixa rexistrouse a finais do ano 2015, cando o saldo era de tan só 33.623,77 euros, e a partir de aí foi crecendo ata o seu máximo histórico en 2021 con 5.496.979,19 euros. Xa logo dun ano de goberno de Alejandro Lorenzo a cifra descendeu a 3,1 millóns, en 2023 baixou drasticamente a 283.453,35 euros, o pasado ano quedou en 33.680,97 euros e finalmente, nos últimos meses acadouse o obxectivo marcado deixando a conta cun saldo de 0 euros«», tal e como indican desde a administración local.
A única débeda vixente do Concello do Porriño é a correspondente ao préstamo estatal, de case tres millóns de euros, destinado ao pago de facturas herdadas, sen contrato e anteriores a 2022, “un préstamo establecido de xeito obrigatorio polo Ministerio de Hacienda para o pago a proveedores”.
Transparencia
O Concello do Porriño garante «a máxima transparencia na súa xestión económica e contractual», segundo indican, Ademais de na páxina web de Contratos Públicos de Galicia, «todo o que se contrata publícase de maneira íntegra e actualizada na plataforma de contratación, accesible dende o portal transparencia municipal, a través da sede electrónica do Concello , para que calquera cidadán poida consultar a información en tempo real”.
Lorenzo explica que “isto ata o ano 2022 era inviable, xa que a maioría dos servizos ou obras carecían de contrato algún. Co novo modelo implantando, asegúrase o control público dos recursos, refórzase a confianza veciñal e cúmprese cos principios de publicidade, igualdade e legalidade na contratación administrativa”.