Unha colisión entre unha ambulancia e un vehículo deixa a catro persoas feridas. Unha delas tivo que ser trasladada en helicóptero a un centro hospitalio e dúas personas precisaron de axuda para saír do coche. Ocorreu na parroquia de Leirado, á altura do quilómetro 6 da EP-4006 ,en Salvaterra de Miño.
Precisamente, os veciños e as veciñas coñecen a ese punto da estrada como o «cruce perigoso». Os vehículos implicados son un Seat Ibiza e unha ambulancia, que realizaba un servizo programado. No primeiro deles viaxaban tres persoas e no segundo, a condutora.
O 112 Galicia recibía o aviso do accidente pasadas as 14:00 horas. Desde Emerxencias relatan que as catro persoas implicadas necesitaron asistencia sanitaria, sendo unha delas desprazada no helicóptero H4 e as outras tres, en ambulancia.
Todo parece indicar que “a ambulancia circulaba pola estrada provincial, cando o vehículo, tras saltarse o stop da estrada transversal, impactou contra o transporte sanitario”, segundo indican testemuñas.