O Concello da Guarda organiza unha saída teatral ao Salón Teatro de Santiago de Compostela. A xornada terá lugar o mércores 1 de outubro e a función ofertada é A Serie Clopen.
A representación contará con acrobacias imposibles, aéreos, comedia, danza, clown e unha historia cautivadora.
A obra reflexiona, en ton de humor, sobre os retos que ten que afrontar a xuventude nestes tempos de incerteza. Trátase da primeira produción propia do Centro Dramático Galego co circo como eixo central e que convida á reflexión sobre o momento actual.
O autobús recollerá aos veciños guardeses interesados no Centro Cultural da Guarda, levaraos ata Santiago e traeraos de volta tras a representación.
O custe total da actividade é de cinco euros, que se deberán aboar á persoa responsable ao subir ao bus que sairá ás 14:45 horas. As prazas son limitadas e as inscripcións están dispoñibles a través da seguinte ligazón.