O próximo martes 23 de setembro, festivo local na Guarda, celébrase no municipio o Día de Santa Trega. Ao igual que cada ano, centos de guardeses e guardesas volverán subir ao monte de Santa Tegra para celebrar o día na súa honra. Como actos relixiosos haberá misas rezadas na capela de Santa Trega ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas da mañá.
Aínda que a gran celebración relixiosa será ás 11:30h, cunha misa solemne con ofrenda e cunha procesión posterior. Na procesión é habitual ver persoas co traxe tradicional e persoas mostrando produtos caseiros que ofrecerán despois nas poxas.
Estas poxas rematan co sorteo final dunha monumental tarta con regalo sorpresa. Para rematar a xornada, moitas familias realizarán unha comida campestre, acompañadas de música e o baile que xorden de xeito espontáneo para desfrutar do día festivo.