lunes, septiembre 15, 2025
InicioNewsFortalezas da Fronteira: O proxecto que saca á luz o patrimonio escondido...

Fortalezas da Fronteira: O proxecto que saca á luz o patrimonio escondido nas beiras do Miño

Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de ‘Fortalezas da Fronteira’, un proxecto cultural no que participa a USC a través do grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación, que pretende poñer en valor o patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. Este ano, o proxecto está actuando no xacemento de ‘As Torres’, no Concello de Tomiño (Pontevedra), coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.

Segundo explican desde a universidade galega, o equipo traballa sobre un estratéxico forte militar da guerra que no século XVII enfrontou a Galicia e Portugal e que foi descuberto hai tres anos.

Unha parte importante deste proxecto é a divulgación cultural. Por iso, durante a duración deste proxecto teñen lugar ‘barferencias’, conferencias, charlas e proxeccións en distintos bares do concello de Tomiño nos que participarán destacados especialistas da arqueoloxía, divulgación e bioloxía. Ademais, as persoas interesadas poden acudir á escavación e realizar unha visita guiada co equipo de arqueólogos que alí traballa.

O proxecto

O proxecto integra unha serie de traballos arqueolóxicos encamiñados á caracterización do sitio de ‘As Torres’, identificado en 2020 por Xurxo Salgado Tejido, xornalista, editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e caracterizado pola arqueóloga, investigadora do Lab2PT e profesora da Universidade do Minho Rebeca BlancoRotea. Precisamente, son estes dous profesionais os encargados de dirixir as actuacións que terán lugar neste xacemento.

Tras varios anos de investigacións identificouse nunha antiga explotación mineira romana xa estudada por Brais Currás (2014). Trataríase dunha batería fortificada que, en torno a 1666, durante a Guerra da Restauración, aproveitaría o emprazamento elevado e outras estruturas anteriores, como as trincheiras da explotación mineira, como punto estratéxico de control e defensa do territorio nunha zona de paso entre as poboacións de Goián e Tui. Esta fortificación exercería un papel crucial para evitar un gran ataque, por parte de tropas portuguesas, á estratéxica praza forte de Tui.

O sitio arqueolóxico atópase en terreos da comunidade de montes de Taborda, que é o promotor deste campo arqueolóxico no que traballan. Este proxecto arqueolóxico está vinculado a un Campo de Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e conta co respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Algunhas das actividades a realizar son unha escavación arqueolóxica na batería, unha prospección do seu entorno e unha limpieza do espazo, nas que participarán con diferentes graos de implicación, mozos e mozas voluntarios, sempre supervisados por un equipo de profesionais. Precisamente, este campo de traballo pretende que mozos e mozas aprendan dos traballos arqueolóxicos, pero tamén participen na recolla de memoria oral, nas actividades de difusión patrimonial e nas charlas que se impartirán do gallo de entender e visibilizar toda esta dinámica económica, cultural e patrimonial tan rica na fronteira miñota. Este é, principalmente, o cometido do Grupo de Novos Medios da USC, o de visibilizar, difundir e crear as estratexias de comunicación, divulgación e redes sociais do proxecto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS