Máis de 50 colectivos galegos denuncian, a través dun comunicado conxunto e urxente, «a represión inaceptable» que tivo lugar, segundo explican, durante a detención de, polo menos, doce manifestantes ao paso de La Vuelta en Galicia. A maioría das persoas que foron detidas pertencen á Plataforma Lugo por Palestina, entre as que se atopa a responsable comarcal do BNG Lugo Sur, Rosana Prieto.
A Rede Galega pola Palestina vén de difundir este comunicado baixo o título «a solidariedade non é delito» e apuntan a que se produciron «detencións arbitrarias» no tramo da final de La Vuelta en Lugo. Indican que estas protestas «foron en todo momento pacíficas» e que estaban «amparadas polo dereito internacional«.
Con todo, os máis de medio cento de colectivos galegos que asinan este comunicado indican que «a resposta das forzas represivas do Estado español foi a represión» posto que «polo menos doce detencións en distintos puntos do percorrido, algunhas delas con uso evidente de violencia».
Neste contexto, exixen á Subedelegación do Goberno e «a todas as institucións responsables a liberación sen cargos de todas as persoas detidas» así como «o cese da represión contra os movementos de apoio á Palestina».