O alcalde da Cañiza, Luís Piña, vén de anunciar que as obras de instalación de xeotermia na Casa Consistorial da Cañiza estarán finalizadas en breve.
Segundo explicou o rexedor, a actuación permitirá reducir de forma significativa o consumo enerxético, as emisións contaminantes e os custes de mantemento, dando «un paso decidido cara un concello máis sostible respectuoso co medio ambiente».
A intervención forma parte do proxecto «Instalacións Xeotérmicas Sostibles II«, enmarcado no Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e supón unha inversión total de case 228.000 euros.
A maior parte da financiación vén do Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), que aporta o 85% do investimento. Ademais, conta cunha axuda do 8% da Deputación de Pontevedra, aportando o Concello da Cañiza o 7% restantes.