As Palilleiras de Mos, coa colaboración do Obradoiro de Emprego municipal e da empresa Core, presentou hoxe unha peza única e conmemorativa con motivo da chegada de la Vuelta a España a Mos o vindeiro 9 de setembro, cando a etapa 16 da proba ciclista máis importante do país terá a súa meta no alto do Castro de Herville.
A obra, deseñada por Montserrat Pereira, presidenta das Palilleiras de Mos, consiste nunha roda de bicicleta a tamaño real de 70 cm de diámetro elaborada en encaixe de palillos. Trátase dun deseño simbólico, no que a roda se transforma tamén na letra “O” de Mos, acompañada dunha base de vinilo e das letras M e S en madeira, realizadas en colaboración co alumnado do Obradoiro de Emprego “Queda en Mos”.
A elaboración da peza correu a cargo das palilleiras Josephine Lago, Hilda Troitiño Lois, Montserrat Pereira e Gladys Di Toro, contando tamén coa participación como colaboradoras e principiantes de Martín Villamandos (8 anos), Eva Mallo (Tenerife), Rebeca Castro e María José Castro.
A creación mestura tradición artesanal, simboloxía ciclista e identidade local, converténdose nunha obra orixinal que representa tanto a chegada de La Vuelta 2025 como o orgullo de Mos por acoller un evento deportivo de dimensión internacional.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “esta iniciativa é unha mostra fermosa de como Mos sabe unir o mellor da súa tradición cultural coa súa vocación deportiva e de futuro. Grazas ás nosas palilleiras, á colaboración da empresa Core e do Obradoiro de Emprego, La Vuelta 2025 levará tamén un símbolo do noso talento e da nosa identidade”.