miércoles, septiembre 3, 2025
InicioNewsO Goberno declara Lugares de Memoria Demográfica o Pazo de Meirás, San...

O Goberno declara Lugares de Memoria Demográfica o Pazo de Meirás, San Simón e San Antón

O Goberno de España publica hoxe no BOE a incoación do expediente para declarar Lugar de Memoria Democrática o Pazo de Meirás, na provincia galega da Coruña. Así mesmo, mañá mércores, publicarase a declaración de Lugar de Memoria das illas de San Simón e San Antón, en Pontevedra.

Segundo indican desde o Goberno central, «ambos os espazos teñen unha singular relevancia histórica e simbólica, que lles fan acredores desta declaración». Así, o Pazo de Meirás, situado no Concello de Sada, ligado á figura da escritora galega Emilia Pardo Bazán -que foi quen o construíu-, foi, entre 1938 e 1975, sede estival da Xefatura do Estado, “símbolo referencial da ditadura franquista, centro de poder e ao mesmo tempo expresión da rapina do seu novo propietario”, segundo sinala o BOE.

Pazo de Meirás

O 5 de decembro 1938, tras a creación a denominada Xunta Prol-Pazo do Caudillo, integrada polo gobernador civil e varios alcaldes da provincia, que pretendía comprar e entregar a propiedade ao xefe do Estado, Francisco Franco, fíxoselle entrega da leira ao ditador.

O Boletín Oficial do Estado indica que durante o proceso de acondicionamento do pazo ampliáronse os terreos “mediante técnicas represivas e coactivas”, que desposuíron aos lexítimos propietarios das leiras lindeiras. Ademais, efectuáronse “apropiacións de recursos públicos e privados, desde estatuas románicas a pilas bautismales, tapices, #etc”.

Así, «ao ser utilizado polo ditador como residencia oficial estival, adquiriu unha función política, de explicación da natureza do franquismo e da represión; unha función simbólica, de representación, e tivo un gran impacto na vida local, incluída a articulación de redes locais e provinciais do poder franquista».

Neste contexto, o 2 de setembro de 2020, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, tras unha demanda presentada por Avogacía do Estado, sentenciou que o Pazo era propiedade do Estado, declarando nula e sen efecto a doazón persoal do mesmo a Franco á súa familia.

Dous meses despois cumpriuse a sentenza e, desde o 10 de decembro de 2020, deixou de ser propiedade da familia Franco e pasou a ser patrimonio do Estado. A sentenza foi corroborada pola Audiencia Provincial da Coruña, o 12 de febreiro de 2021, e polo Xulgado de Primeira Instancia número 70 de Madrid, que, o 7 de novembro de 2024, outorgou á Administración Xeral do Estado a totalidade dos bens reclamados.

Illas de San Simón e San Antón

Do mesmo xeito, o Goberno central indica que «as illas de San Simón e de San Antonio, situadas na ría de Vigo, foron un espazo utilizado polos sublevados contra a II Republica como penal durante a Guerra de España e os primeiros anos da ditadura franquista».

A partir de outubro de 1936, a illa de San Simón converteuse nunha colonia penal na que os sublevados recluíron a presos republicanos chegados nun primeiro momento da provincia de Pontevedra e de toda Galicia, e, posteriormente, doutros lugares da xeografía española, especialmente desde Asturias.

O penal, onde se amontoaban os presos, estivo aberto entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943. Por alí pasaron máis de 5.600 persoas recluídas. A finais de xaneiro de 1943, apenas dous meses antes de que fose clausurado, ingresou o recluso que facía o número 5.616, aínda que en ningún momento chegaron a coincidir ao mesmo tempo máis de 2.000 prisioneiros.

Desde febreiro de 1939, e ata que o penal foi desmantelado a principios de 1943, viviuse a etapa máis funesta deste espazo, coa chegada masiva de presos de idades moi avanzadas procedentes de toda a xeografía española. Entre os seus muros téñense contabilizadas máis de 517 mortes, ademais das que se produciron por ‘paseos’ e fusilamentos.

Lugares de Memoria Democrática

Ambos os enclaves son declarados Lugares de Memoria Democrática conforme ao disposto no artigo 49 da Lei de Memoria Democrática, sobre os feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.

Visita do secretario de Estado de Memoria Democrática

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, visitou hoxe o Pazo de Meirás e desprazarase mañá ás illas de San Simón e San Antón, acompañado pola comisionada para a celebración de 50 anos en Liberdade, Carmina Gustrán.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS