lunes, septiembre 1, 2025
InicioNewsActualidadeTomiño busca artistas para realizar un mural sobre Castelao cun concurso de...

Tomiño busca artistas para realizar un mural sobre Castelao cun concurso de pintura

A memoria de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao cobrará protagonismo en Tomiño este 2025. O Concello pon en marcha o Concurso de Pintura Mural Castelao–Concello de Tomiño, unha iniciativa que conmemora o 75 aniversario do pasamento do narrador, ensaísta, debuxante, médico e político galego no Ano Castelao.

O certame pretende fomentar a creación artística e difundir a obra e pensamento de Castelao a través da realización dun mural na avenida República Arxentina. A convocatoria está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos, profesionais do muralismo ou da arte plástica, de xeito individual ou en equipo, sen importar o país de residencia.

“Este concurso é unha oportunidade única para unir arte, memoria e identidade. Castelao é un símbolo da nosa cultura e do noso compromiso colectivo coa liberdade e coa dignidade de Galicia. Queremos que o seu legado viva nos nosos espazos públicos, que a súa figura fale tamén dende as paredes e rúas de Tomiño”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Como participar?

O proceso de participación desenvolverase en dúas fases: primeiro, a presentación dun dossier profesional que será avaliado por un xurado composto por persoas expertas, representantes do Concello e membros da Fundación Castelao; despois, a selección de 5 artistas finalistas, que recibirán 200 € en concepto de honorarios para elaborar unha proposta de deseño adaptada ao muro. Entre estas, o xurado escollerá o mural gañador e dous finalistas. As persoas interesadas en participar poderán enviar os seus portafolios do 1 ao 14 de setembro a cultura@tomino.gal.

Os premios serán de 1.800€ para a execución do mural con materiais e gastos incluídos para a persoa gañadora, 300€ para o segundo premio e 200€ para o terceiro. O 17 de setembro publicarase o nome das e dos artistas seleccionados, que terán ata o 2 de outubro para presentar as súas propostas de deseño. O 10 de outubro anunciaranse os premios para a continuación comezar coa execución do mural.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS