jueves, agosto 28, 2025
InicioNewsActualidadePonteareas modernizará e renovará ao completo o servizo de recollida de residuos...

Ponteareas modernizará e renovará ao completo o servizo de recollida de residuos e a limpeza viaria

O Concello de Ponteareas avanza na súa estratexia de mellora dos servizos públicos ofrecidos á cidadanía e na súa aposta pola modernización e introduce diversos avances no novo contrato do servizo de limpeza viaria, recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do punto limpo.

Co obxectivo de ofrecer un servizo máis eficiente e eficaz que dea resposta á demanda da cidadanía, o goberno aprobou no último pleno ordinario o inicio do expediente de contratación deste servizo. O concelleiro responsable, Jesús Cao, adiantou que para que se implanten e consoliden as melloras e se materialice completamente o proceso tan necesario de modernización o contrato adxudicarase a dez anos cun orzamento de 2.183.936,08€.

“Renovaremos ao completo o servizo para poder ofrecer medios e recursos modernos, que nos permitan facer unha xestión máis sostible, que estea acorde ásnecesidades de hoxe en día e pensado para satisfacer non só a demanda das veciñas e veciños, tamén o noso compromiso co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030” aseguraba o edil.

Entre as melloras que ofrecerá o novo servizo está a renovación total da maquinaria por unha máis actual e de maiores prestacións. Tamén se cambiará o mobiliario e se renovará a totalidade dos vehículos. Outros cambios están nos contedores que se substituirán por outros de maior capacidade, máis modernos e homexenizados.

O Concello quere ademais facer unha aposta forte pola reciclaxe e separación de residuos cun dobre obxectivo, dar cumprimento ás esixencias e normativas actuais e tamén á Axenda 2030. Deste xeito o Concello contempla triplicar o número de illas de reciclaxe, destacando o investimento nas parroquias. Tamén se implantará un sistema de recollida porta a porta no núcleo urbano.

Para ser unha vila máis respectuosa co medio natural procederase a incrementar á recollida de cartón comercial e á retirada de voluminosos. Triplicaranse tamén os recursos de implantación de contedores de biorresiduos no ámbito rural.

O novo contrato permitirá ter un punto limpo móbil e puntos limpos de proximidade. Tamén se procederá á recollida de residuos procedentes de poda e xardinaría. Para achegar o servizo á cidadanía e resolver incidencias e dúbidas haberá unha oficina de atención ao público no centro urbano.

Introduciranse sistemas modernos que permitan o control informatizado, para isto colocoranse sensores que detecten o nivel de capacidade dos contedores e así optimizar o servizo. Grazas a este sistema, os operarios saberán cando un contedor está a punto de chegar ao 80% da capacidade e proceder ao baleirado.

Todas estas accións estarán reforzadas con campañas de difusión e concienciación e para isto contarase cun educador/a ambiental ou mestre composteira/o durante a duración do contrato.

Outro dos servizos que se renovará ao completo é o da limpeza viaria que será obxecto dunha significativa mellora tanto en medios mecánicos como técnicos e de persoal así como en número de xornadas de limpeza manual e mecánica e baldeos. Tamén se ampliarán os espazos e zonas.

Este servizo pasará a contar con limpeza de sumidoiros, limpeza de praias fluviais e contorna, limpeza mínimo dunha vez ao mes nas parroquias incluíndo o desbroce e limpeza dos puntos principais así como o decapado de beirarrúas.PONTEAREAS MODERNIZARÁ E RENOVARÁ AO COMPLETO O SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS E A LIMPEZA VIARIA

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS