jueves, agosto 28, 2025
InicioComarcasBaixo MiñoGoián, en Tomiño, conta coa primeira praia inclusiva e adaptada do río...

Goián, en Tomiño, conta coa primeira praia inclusiva e adaptada do río Miño

A praia fluvial de Goián, situada no corazón da Fortaleza, reafirmouse este verán como un dos espazos máis singulares do río Miño, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como pola súa condición de área natural pensada para o desfrute inclusivo de todas as persoas.

Este enclave converteuse na primeira praia adaptada e accesible de todo o río Miño. A praia tomiñesa dispón dunha cadeira anfibia que facilita o baño ás persoas con mobilidade reducida, dun pantalán flotante e dunha rampla de acceso á auga de 39 metros de lonxitude e 1,5 de ancho, cunha pendente máxima do 10%. A estrutura, combinando formigón, pasarela metálica e pavimento de madeira, integra a zona de lecer coa paisaxe natural do Miño.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que «a praia inclusiva de Goián é un exemplo de como o Concello aposta por espazos públicos accesibles e adaptados para garantir a igualdade de oportunidades no lecer, tamén na época estival». Así mesmo, «convidou a toda a veciñanza a gozar deste espazo único».

Xunto á zona de baño, a área complétase co gastrobar Fortaleza do Vento, co espazo cultural “Voces Novas” dedicado á lectura e aos xogos e coa programación da Fortaleza de Goián, un enclave de gran valor patrimonial e natural.

Esta fin de semana ademais Goián acollerá o cuarto Campionato Inclusivo de Motonáutica, unha competición que busca a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte e un verdadeiro espectáculo para ver e comprobar que o río e o deporte son para todas as persoas por igual.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS